Mar Pereira subliña o impulso á administración electrónica que suporá a transposición da Directiva europea de servizos

Xoves 19 de Novembro de 2009

Mar Pereira subliña o impulso á administración electrónica que suporá a transposición da Directiva europea de servizos

Asegura que o cambio normativo dinamizará o sector tecnolóxico e redundará nunha na maior competencia e competitividade da economía galega

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Mar Pereira, subliñou hoxe o impulso ao desenvolvemento da Administración electrónica que suporá a transposición da Directiva europea de servizos, que se completará nos vindeiros meses. As responsable das novas tecnoloxías do Goberno galego participou hoxe nunha mesa redonda no marco do II Foro sobre a Directiva europea de servizos e o incremento da competitividade: unha oportunidade para Portugal, España e Galicia, celebrado na Escola Galega de Administración Pública.

Na súa intervención, Pereira afirmou que a transposición da Directiva europea de servizos debe derivar en ganancias de eficiencia, produtividade e emprego nos sectores implicados, ademais de nun incremento na variedade e calidade de servizos dispoñibles para empresas e cidadáns. A mellora do marco regulamentario, dixo, implica o desenvolvemento dun programa de simplificación administrativa que inclúe procedementos electrónicos, o portelo único e a posta en marcha dun sistema electrónico de cooperación administrativa entre estados membros.

Para a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, unha aplicación práctica e efectiva da Directiva europea de servizos debe conseguir efectos moi relevantes para a dinamización do sector servizos. Entre eses beneficios citou a supresión de barreiras que restrinxan inxustificadamente o acceso e exercicio das actividades; o impulso á modernización das Administracións públicas coa posta en marcha do portelo único electrónico e a simplificación administrativa empregando os medios electrónicos; o impulso á innovación no sector, facilitando a posta no mercado de servizos innovadores de calidade e posibilitando cambios internos nas empresas e promovendo as redes de colaboración; o fomento da creación de emprego; e o reforzamento da competitividade no sector servizos.

O camiño cara á Administración electrónica
Mar Pereira expuxo ademais as liñas básicas do proceso de modernización da Administración autonómica, sinalando que se levará a cabo mediante proxectos transversais e coas premisas da coordinación institucional e a colexiación de esforzos. A simplificación administrativa, os procedementos electrónicos e o portelo único serán os eixes sobre os que pivotará o novo sistema.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica subliñou que a transposición da Directiva de servizos pode e debe ser un instrumento dinamizador do sector tecnolóxico, potenciando a exportación de servizos e produtos, impulsando a competitividade dos distintos sectores produtivos, e converténdoos en instrumento dinamizador da creación de emprego cualificado en Galicia. En definitiva, Mar Pereira subliñou que a transposición da Directiva de servizos redundará nunha maior competencia e competitividade, impulsando o crecemento económico e a creación de postos de traballo.