Mar Pereira lembra que a dixitalización dos sectores primarios e o impulso do software libre son obxectivos da Axenda Dixital 2020

Venres 16 de Xuño de 2017

Mar Pereira lembra que a dixitalización dos sectores primarios e o impulso do software libre son obxectivos da Axenda Dixital 2020

A Amtega vén de presentar o Plan anual de software libre 2017, con 110 actuacións, en colaboración cos axentes do sector, dirixidas ao ámbito empresarial, á Administración e á sociedade
Este ano reforzarase o Centro Demostrador TIC Virtual con dúas novas aplicacións libres para empresas e a difusión deste tipo de solucións a través do renovado portal mancomun.gal
O uso do software libre nas empresas galegas de máis de 10 empregados supera ao de comunidades como Madrid, Cataluña e o País Vasco

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) celebran hoxe en Santiago a II Xornada Colaboratic.gal para difundir e amosar experiencias e boas prácticas de solucións de software libre aplicadas ao ámbito rural e identificar novas sinerxías e espazos de colaboración entre ambos sectores.

A directora  da Amtega, Mar Pereira, e o xerente de Agasol, Luis Alberto Fernández, inauguraron o encontro, que se se enmarca nas actividades do Plan de Software Libre 2017 impulsado pola Amtega en colaboración cos principais axentes do ecosistema galego do software libre como Agasol.

Durante a súa intervención, Mar Pereira lembrou que o fomento do uso do software libre e, en particular no sector empresarial, continúa a ser unha aposta da estratexia dixital do Goberno galego. As actuacións concretas neste eido recóllense no Plan anual de software libre, que vén desenvolvendo a Xunta desde 2010. O pasado mes de maio publicouse o Plan deste ano con 110 actuacións, 40 delas en colaboración cos axentes do software libre galego.

O resultado desas medidas é un incremento no uso das tecnoloxías libres, 8,5 de cada dez empresas de Galicia con 10 ou máis empregados empregan software libre, o que sitúa a Galicia por riba doutras Comunidades Autónomas como Madrid, Cataluña ou o País Vasco. Así o indican os últimos datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga).

Ademais, a responsable da Axencia tecnolóxica da Xunta destacou o papel do Centro  Demostrador TIC de Galicia, que continuará incrementando a oferta de demostracións e formación en Software Libre e ofrecendo asesoramento ás pemes sobre ferramentas de software libre adaptadas ás súas necesidades

Durante a 2017 reforzarase o Centro Demostrador TIC Virtual con dúas novas aplicacións libres á disposición das empresas: a plataforma de comercio electrónico WooCommerce, xa dispoñible, e a solución de monitorización de redes, Zabbix. A estas iniciativas súmase tamén a difusión de solucións libres para as empresas a través do renovado portal mancomun.gal e a través da Oficina de Software Libre da Amtega.