Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

Mar Pereira destaca o potencial dos contidos dixitais na innovación dos diferentes sectores produtivos e na xeración de emprego

Lembra que a Xunta puxo en marcha o Programa Viraxe TIC cos clústeres audiovisual e tecnolóxico de Galicia para impulsar o sector na Comunidade
As tres entidades están a elaborar un estudo para identificar as principais oportunidades de negocio neste ámbito
Destacou que as novas tendencias dixitais están a xerar unha demanda continua de novos perfís profesionais e que Axenda Dixital galega contempla medidas para darlle resposta

O sector dos contidos dixitais presenta un enorme potencial polas súas múltiples aplicacións ao resto dos sectores produtivos, tanto na modernización e innovación do sector audiovisual, dos contidos culturais e do entretemento como pola capacidade de dinamizar ámbitos como o turismo, a educación ou a sanidade. Así o recoñeceu a directora da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, na presentación da 16ª edición do Congreso Internacional Mundos Dixitais, que se celebra na Coruña do 6 ao 8 de xullo.

A responsable da política tecnolóxica da Xunta lembrou que, desde esta perspectiva, a Xunta en colaboración cos clústers audiovisual e tecnolóxico de Galicia puxo en marcha o Programa Viraxe TIC para posicionar á nosa Comunidade no ámbito innovador dos contidos dixitais. Entre as súas iniciativas está en marcha a elaboración dun estudo para identificar as principais oportunidades de negocio neste ámbito e analizar as perspectivas do sector ante as novas tendencias.

Segundo explicou Mar Pereira, o estudo busca ser o punto de partida para, nun futuro, apoiar proxectos de innovación tecnolóxica neste eido, establecendo mecanismos que incentiven o desenvolvemento dos novos produtos e servizos conxuntos entre o sector tecnolóxico e audiovisual galego.

Por outra banda, Mar Pereira destacou que as novas tendencias dixitais están dando lugar a un xurdimento continuo de novos perfís profesionais e, polo tanto, de novas oportunidades e demandas laborais ás que é preciso dar resposta. Pereira lembrou que este é un dos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia, que contempla medidas para impulsar o talento tecnolóxico na Comunidade, desenvolvemento de actuacións conxuntas cos Colexios profesionais e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impulsar vocacións tecnolóxicas e aliñar as capacidades dixitais dos profesionais galegos coas demandas do tecido empresarial.

O Congreso Internacional Mundos Dixitais reúne na Coruña a profesionais de ámbito nacional e internacional do mundo da animación, a realidade virtual, os videoxogos e a arquitectura dixital. Nesta 16ª edición están rexistrados máis de 650 participantes que asistirán a relatorios, obradoiros, entre outras actividades como unha feira de emprego ou unha exposición de proxectos innovadores e creativos.