Mar Pereira destaca o papel chave do sector TIC para avanzar na transformación dixital de Galicia

Xoves 01 de Decembro de 2016

Mar Pereira destaca o papel chave do sector TIC para avanzar na transformación dixital de Galicia

A directora da Amtega inaugurou hoxe a presentación de varios casos de éxito de empresas do Clúster TIC Galicia

Destacou a capacidade dun sector que no último ano xerou 1.200 novos postos de traballo e incrementou nun 4% o número de empresas

Lembrou que o sector tecnolóxico galego é colaborador imprescindible no desenvolvemento da Axenda Dixital de Galicia 2020, que xa ten 14 plans en marcha

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, inaugurou esta mañá a xornada de presentación de casos de éxito organizada polo Clúster TIC Galicia para difundir o labor que están a desenvolver as empresas socias dentro e fóra da Comunidade.

Neste sentido, Mar Pereira destacou que o sector tecnolóxico galego ten demostrado a súa capacidade para abordar, tanto a dixitalización de servizos públicos como a de sectores estratéxicos da economía. A directora da Amtega subliñou que no último ano o sector xerou en Galicia 1.200 novos postos de traballo e incrementou nun 4% o número de empresas.

A responsable autonómica apelou á creatividade e a capacidade de innovación do sector para afrontar os retos tecnolóxicos que ten Galicia por diante e que están recollidos na Axenda Dixital de Galicia 2020. Pereira indicou que a Comunidade está en disposición de afrontalos grazas o traballo conxunto realizado coas actuacións da primeira Axenda Dixital de Galicia 2014.gal. En total, serán máis de 3.000 millóns de euros público-privados entre 2009 e 2020 investidos en iniciativas para a transformación dixital de Galicia.

Sector TIC, socio e obxectivo da ADG2020

O sector tecnolóxico é partner e tamén obxectivo da Axenda Dixital 2020 porque entre os seus retos está o de consolidar un hipersector tecnolóxico galego competitivo e innovador, que xere redes de valor co resto dos axentes, empresas tractoras e sectores económicos. Para conseguilo a Axenda contempla a potenciación do talento tecnolóxico, impulsando un maior grao de especialización na formación para adaptala á demanda empresarial.

Como colaborador da estratexia dixital autonómica o sector está a ter un papel relevante no desenvolvemento das iniciativas xa en marcha como as que se están a desenvolver para dixitalizar as pemes como o ReaccionaTIC; as orientadas a modernizar os sectores primarios co Programa Primare, que ten aberta una convocatoria de Compra Pública Innovadora para atopar a mellor solución para avanzar cara unha agricultura dixital; as destinadas a potenciar o patrimonio cultural e o turismo como a Memoria Dixital e o Smart Turimmo; as deseñadas para conectar Galicia con redes ultrarrápidas a través do Plan de Banda Larga 2020; os Plans para consolidar unha Administración, Xustiza e Educación dixitais, así como as destinadas a modernizar uns servizos sociais dixitais coa extensión da Historia Social Única Electrónica (HSUE) e a prestación de servizos sociosanitarios a través do Fogar Dixital.

Son parte dos 14 plans xa en marcha da Axenda Dixital Galega cuxos resultados constitúen o mellor escaparate para o sector tecnolóxico galego e contribúen a converter a Galicia nun polo tecnolóxico de referencia.