Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

Máis de trinta profesionais da Administración autonómica, local e estatal abordarán os retos da dixitalización o 23 e o 24 de marzo en Santiago

O II Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica está dirixido a empregados do sector público
Os interesados en asistir poden formalizar a súa inscrición a través dos portais da Amtega e de Eido Local
Profesionais do ámbito TIC, letrados e profesionais de concellos, deputacións, administración autonómica e do Estado analizarán o impacto das leis 39/2015 e 40/2015
As xornadas contarán cun showroom de servizos dixitais no que os asistentes poderán coñecer as últimas solucións que as administracións teñen á súa disposición

Os días 23 e 24 de marzo o Edifico CINC da Cidade da Cultura acollerá o II Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica: "Un compromiso conxunto cara aos cidadáns". Organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e co Consello Superior de Letrados e Avogados de Comunidades Autónomas. Este foro busca analizar o impacto e os retos do novo marco normativo en materia de Administración Electrónica (leis 39/2015 e 40/2015) no funcionamento das Administracións Públicas.

Con este obxectivo máis de 30 profesionais do ámbito tecnolóxico, xurídico e de distintos departamentos das administracións autonómica, estatal e local abordarán cuestións como as novidades normativas neste eido, a cooperación administrativa para avanzar na dixitalización, as notificacións electrónicas, o arquivo electrónico ou a transparencia na Administración.

Serán en total sete mesas de debate en dúas xornadas nas que tamén se analizarán as liñas de colaboración entre as distintas administracións para unir esforzos no desenvolvemento da Administración Electrónica.

Espazo de exposición

Ademais das mesas de debate, o Encontro contará cun espazo para difundir os servizos dixitais que teñen á súa disposición os cidadáns. Nos diferentes stands persoal da Amtega e das deputacións explicarán e poderán dar de alta en diferentes servizos aos interesados en incorporarse ao uso da Administración dixital.

Inscrición e programa

A inscrición, que é de balde, pode formalizarse a través dos portais da Amtega e de Eido Local, onde tamén está publicado o programa das xornadas. As xornadas están dirixidas a profesionais do sector público.

Plan de Administración e Goberno Dixital 2020

O Encontro enmárcase dentro das actuacións do Plan de Goberno Dixital 2020 que vén desenvolvendo a Xunta para consolidar unha Administración Dixital e avanzar na coordinación entre as entidades locais, autonómica e estatal para conseguir unha carteira de servizos dixitais de calidade, eficientes e seguros.