Máis de oitocentas persoas participarán nas actividades de deseño gráfico e retoque fotográfico da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia

Sábado 19 de Maio de 2012

Máis de oitocentas persoas participarán nas actividades de deseño gráfico e retoque fotográfico da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia

As aulas CeMIT de corenta concellos galegos acollerán durante o mes de xuño unha actividade sobre deseño gráfico e outra sobre retoque fotográfico no marco do Programa de Dinamización 2012 da Rede

Aínda é posible reservar praza no resto das actividades que acolle esta nova edición do Programa de Dinamización a través da web http://aulascemit.xunta.es/inscripcion ou no teléfono 981 552 568

As aulas CeMIT de corenta localidades galegas acollerán durante o mes de xuño dúas actividades relacionadas co deseño gráfico e o retoque fotográfico, de 15 horas de duración cada unha delas, nas que se analizarán as ferramentas e técnicas máis empregadas no mundo do deseño gráfico así como na manipulación de imaxes dixitais. Estas actividades, nas que participan un total de oitocentos setenta e seis persoas, forman parte do Programa de Dinamización 2012 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT).

Para o desenvolvemento destas actividades empregarase o sistema de videocolaboración nalgunhas das aulas CeMIT (posibilitando a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, compartición e control de aplicacións remotas) e o de videoconferencia noutras  aulas que dispoñen dunha equipación máis avanzada (composta por un sistema de videoconferencia e por equipos audiovisuais e multimedia) o que permitirá desenvolver as actividades en formato presencial e telepresencial.

Nesta nova edición, o Programa de Dinamización conta ademais con outras dúas actividades de 15 horas nas que aínda quedan prazas segundo a localidade (community manager e streaming de audio e vídeo) e outras dúas máis amplas, de máis de 40 horas, sobre produción audiovisual e creación multimedia. Os interesados poden informarse das datas de comezo de cada unha delas e reservar praza na aula CeMIT da súa localidade a través do 981 552 568 ou a da web http://aulascemit.xunta.es/inscripcion.

O Programa de Formación da Rede CeMIT atópase cofinanciado polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013.

A Rede CeMIT, está integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

A localización das aulas e os contidos do Plan de Dinamización están dispoñibles non enlace http:// aulascemit.xunta.es/inscripcion.