Máis de 11.600 alumnos desde 5º de Primaria a 2º de ESO recibirán unha ensinanza completamente dixital grazas á extensión do proxecto E-Dixgal a 60 novos centros

Xoves 20 de Xullo de 2017

Máis de 11.600 alumnos desde 5º de Primaria a 2º de ESO recibirán unha ensinanza completamente dixital grazas á extensión do proxecto E-Dixgal a 60 novos centros

O presidente da Xunta indica que o 14% dos centros de ensino obrigatorio públicos contarán con proxectos de educación dixital, seis puntos porcentuais máis que no curso 2014/15
Engade que, unido a esta iniciativa, a Amtega xa iniciou a adquisición de ata 22.000 equipos portátiles para os vindeiros dous anos, destinados a alumnos e profesores de centros integrados neste programa
Di que máis de 460 centros públicos dispoñen de velocidades dun mínimo de 100 Mbps, e durante o 2017/18 estenderase esta velocidade aos 832 restantes
Cre que a educación pública, a través do libro dixital dá un novo paso para ser mellor e máis competitiva

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que no vindeiro curso escolar incorporaranse ao proxecto E-Dixgal 60 novos centros, incrementando ata 154 o número de colexios que impartirán unha ensinanza completamente dixital. Así, máis de 11.600 alumnos desde 5º de Primaria a 2º de ESO beneficiaranse desta iniciativa.

Actualmente, son 7000 os nenos que aprenden co libro dixital, polo que se produce un incremento de máis de 4600 alumnos beneficiados no próximo curso 2017/18.

Segundo destacou o xefe do Executivo galego, a Xunta impulsa deste xeito un proxecto que naceu como experimental no curso 2014/15 e que agora se consolida, xa que no vindeiro curso o 14% dos centros de ensino obrigatorio públicos contarán con proxectos de educación dixital, seis puntos porcentuais máis que no curso 2014/15.

Feijóo engadiu que, paralelamente a esta iniciativa, a Amtega xa iniciou a adquisición de ata 22.000 equipos portátiles para os vindeiros dous anos, destinados a alumnos e profesores de centros integrados neste programa.

Así mesmo, a mellora das infraestruturas de telecomunicación é un aspecto clave neste contexto. Neste momento, máis de 460 centros públicos dispoñen de velocidades dun mínimo de 100 Mbps e durante o 2017/18 estenderase esta velocidade aos 832 centros restantes.

Esta medida permitirá que o 100% dos centros educativos públicos de primaria e secundaria teñan acceso a internet a través de redes ultrarrápidas.

Unha educación pública máis avanzada e competitiva

Trátase dun proxecto de gran relevancia para os docentes, posto que significa variar a forma de ensinar; para os alumnos, que terán acceso a un sistema educativo máis avanzado; para os pais, que tamén terán unha nova forma de relacionarse cos colexios dos seus fillos, e de facelo a un menor custe e para a educación pública, que a través do libro dixital dá un novo paso para ser mellor e máis competitiva, como antes se deu tamén co reforzo do inglés ou da ampliación da oferta de FP.