Lugo acolle a exposición Galiciadixital itinerante no Complexo Hospitalario Xeral Calde

Venres 08 de Xaneiro de 2010

Lugo acolle a exposición Galiciadixital itinerante no Complexo Hospitalario Xeral Calde

A mostra poderá visitarse do 12 ao 17 de xaneiro en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

O vindeiro martes 12 de xaneiro inaugúrase no Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo a Exposicición itinerante “Galiciadixital”, organizada pola Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa Consellería de Sanidade.

O secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro Durán inaugurará a exposición as 11.00 horas, acompañado por outras autoridades e colectivos locais.

A Secretaría Xeral de Medios, decidiu achegar esta exposición itinerante a os hospitais galegos co obxectivo de ensinar aos galeg@s de todas as idades o audiovisual e os multimedia realizados por empresas e universidades galegas, e servir de plataforma de experimentación de novos sistemas e contidos audiovisuais.

A mostra, unha converxencia entre arte e tecnoloxía, está pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido, tocando e experimentando todo, o que fai que sexa de grande interese didáctico para as persoas de todas as idades, e así o demostra o gran éxito que está a acadar nas localidades que a acollen.

Contidos da exposición itinerante
O visitante somérxese nun mundo dixital a través de proxeccións e xogos en 3 dimensións como por exemplo as “Cidades do Camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada usuario pode realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas máns por aquelas cidades por onde discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

“Axóuxere” é un canciño robotizado que fala galego e interactúa coa xente. En modo automático o can atende a comandos de voz para que xogue coa súa pelota. E así ata oito contidos diferentes que permiten ao visitante gozar dunha experiencia nova e divertida.

“Aerodeslizadores por Compostela” é un xogo que consiste nun descenso pola zona histórica dunha cidade galega virtual, nun futurista “aerodeslizador”. Nesta carreira enfróntanse dous xogadores subidos nos seus correspondentes “aerodeslizadores”. Cada xogador moverá a súa táboa mirando ás opcións correspondentes para alcanzar a máxima velocidade e así gañar a carreira.

Outros cinco contidos máis completan a exposición que estará no salón de actos do Hospital Xeral de Lugo do 12 ao 17 de xaneiro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A entrada é de balde e para todos os públicos.