Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

Feijóo defende a coordinación entre administracións para acadar unha xustiza máis moderna, eficaz e útil para os cidadáns

Galicia sempre optou polo camiño da conciliación en troques da confrontación, “estamos convencidos de que colaborar, desde a lealdade e a exixencia, ofrece mellores resultados”, asevera
Destaca o Plan Senda de novas tecnoloxías da Xustiza, que conta cun investimento de 50 millóns para dixitalizar a Xustiza
Afirma que o Plan de infraestruturas xudiciais dispón de arredor de 100 millóns de euros e xa se atopa con boa parte das súas actuacións finalizadas ou en execución

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu esta tarde a coordinación entre as distintas administracións como a clave do éxito á hora de modernizar a Xustiza e facela máis eficaz e útil para os cidadáns.

Durante a súa intervención o presidente da Xunta resaltou que Galicia sempre optou polo camiño da conciliación en troques da confrontación, “estamos convencidos de que colaborar, desde a lealdade e a exixencia, ofrece mellores resultados”, aseverou. E por iso se puxo en marcha o servizo de mediación intraxudicial no ámbito familiar en todas as cidades galegas, para solucionar de xeito máis amable os conflitos no seo das familias ao tempo que se desconxestionan os xulgados.

Ao fío disto destacou outras medidas postas en marcha polo Goberno galego en materia de xustiza como os novos xulgados, os reforzos ou o Plan Senda de novas tecnoloxías da Xustiza. Un ambicioso plan que conta cun investimento de 50 millóns de euros no período 2015- 2020 para implantar o expediente xudicial electrónico e que permitiu renovar o equipamento tecnolóxico dos xulgados, implantar a rede de videoconferencias, establecer as comunicacións electrónicas e presentar telematicamente as demandas e os escritos. Sobre este último punto salientou que xa son 3,5 millóns de comunicacións electrónicas as que se recibiron só no que vai de ano e isto permite ser optimistas ás hora de acadar o obxectivo do ‘papel cero’ na Administración de Xustiza.

Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego proseguiu afondando nas accións que está levando a cabo a Xunta para a mellora da Xustiza como é o Plan de infraestruturas xudiciais, que dispón de arredor de 100 millóns de euros e que xa se atopa con boa parte da súas actuacións finalizadas ou en execución. Ao abeiro deste plan leváronse a cabo numerosas obras de rehabilitación e de eficiencia enerxética en decenas de sedes da planta xudicial galega pero fundamentalmente “estamos dotando de edificios novos ou renovados as principais cidades galegas”, afirmou. Como proba disto, mencionou as obras do edificio xudicial de Pontevedra, as obras no Xeral de Vigo que o converterán na Torre da Xustiza cun investimento duns 25 millóns de euros ou a recuperación da Fábrica de Tabacos da Coruña.

Feijóo concluíu a súa intervención enxalzando o labor do capital humano desta Administración, “son vostedes os auténticos protagonistas neste proceso”.