Economía e Industria leva ao MARCO o concurso Big Ciencia para achegar a innovación a centos de vigueses

Sábado 21 de Decembro de 2013

Economía e Industria leva ao MARCO o concurso Big Ciencia para achegar a innovación a centos de vigueses

A parte traseira do MARCO foi hoxe escenario desta actividade coa que se achega a innovación á cidadanía combinando o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato

Tras estrearse en Santiago e pasar logo por Lugo e Ourense, esta iniciativa de divulgación promovida pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) pechará nos vindeiros días na Coruña retando os galegos e galegas a poñer a proba os seus coñecementos científicos

Os interesados na espectacular tecnoloxía que se utilizou durante o xogo puideron coñecela de cerca nun taller práctico celebrado no lugar con anterioridade ao concurso

Numerosos vigueses déronse cita hoxe na rúa do Progreso para poñer a proba os seus coñecementos científicos en Big Ciencia, un novidoso concurso popular que ao longo deste mes está a converter as fachadas de edificios emblemáticos de cinco cidades galegas en xigantescos taboleiros de xogo.

O espectacular e innovador formato desta iniciativa de divulgación científica atraeu a atención de numerosos cidadáns, xa que combina en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato, o que xerou grande expectación nun dos puntos máis emblemáticos da cidade.

O obxectivo desta actividade, promovida pola Axencia Galega de Innovación (Gain) coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), é sacar a innovación dos laboratorios e dos despachos por unhas horas para que os galegos e galegas convivan con ela dun xeito ameno e divertido. Tras estrearse na Praza do Obradoiro de Santiago e celebrarse posteriormente en Lugo e Ourense, a xira de Big Ciencia pechará nos vindeiros días na Coruña.

Cinco preguntas por nivel

Cunha mecánica moi sinxela, e apta por tanto para toda a familia, o concurso de preguntas científicas botou a andar cando os dous primeiros contrincantes se situaron diante dos pulsadores e da gran pantalla de luxo na que se converteu a parte traseira do MARCO.

¿Quen inventou a pólvora?, ¿cal é a estrela máis próxima á Terra?, ¿quen inventou o futbolín? O máis rápido en apertar o pulsador era o primeiro que tiña a opción de contestar. Mediante preguntas tipo test, o reto para os que se atreveron a medir os seus coñecementos fronte a un rival era elixir a resposta correcta de entre catro posibles, podendo pedir axuda aos espectadores. Precisamente este comodín do público foi o que fomentou a participación de todos os espectadores do concurso, que enganchou aos viandantes desde un principio dada a súa axilidade.

Todas as partidas foron a cinco preguntas e, unha vez finalizado o xogo, o que máis respostas acertaba recibía un pin-distintivo para participar na seguinte fase, xa que o gañador final tivo que superar tres axustadas eliminatorias.

Taller práctico sobre a proxección arquitectónica

Antes do concurso, os interesados na proxección arquitectónica de gran formato puideron achegarse no lugar á tecnoloxía que fai posible Big Ciencia participando nun taller práctico no que aprenderon a facer unha proxección audiovisual como a levada a cabo despois durante o xogo.

As preguntas e respostas do concurso foron proxectadas sobre o MARCO grazas ao uso desta tecnoloxía, ata o momento reservada a actividades de carácter artístico, o que permitiu a Big Ciencia crear un novo concepto de divulgación científica innovador e de grande impacto visual. Ademais, os asistentes ao workshop que se achegaron cos seus ordenadores levaron gratis para as súas casas o software propio desta tecnoloxía, asociada en Galicia a espectáculos como os fogos do Apóstolo.