Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

Declaración Institucional con motivo do Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información

O Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información apela este ano ao “Big Data for Big Impact” para destacar a importancia de explorar o potencial dos grandes volumes de datos, como un elemento chave para identificar novas oportunidades que contribúan a abordar creativamente os desafíos do desenvolvemento sostible.

O impacto do Big Data como un ben global reside no seu potencial para predicir comportamentos e anticipar resultados. Coñecer polo miúdo á sociedade axuda a anticipar as súas necesidades concretas e, polo tanto, reducir tempos de resposta, incrementar a eficacia dos servizos e tomar decisións máis seguras.

O Big Data é unha tendencia ao alza. Segundo estudos recentes espérase que en 2020 a economía dos datos supoña o 4% do PIB da Unión Europea e que máis de 10 millóns de europeos traballen neste sector, no que se estima que haberá máis de 359.000 empresas.

A aposta do Goberno galego polo Big Data queda reflectida na Axenda Dixital de Galicia 2020 que establece entre os seus desafíos: transformar os datos da Administración nun activo xerador de valor que dea lugar a máis oportunidades de negocio, un aumento da dispoñibilidade de coñecemento e sirva, ademais, de estímulo para a investigación e a innovación.

Conscientes deste gran impacto, dende a Administración galega estamos a prepararnos para ser capaces de dixerir, analizar, e interiorizar grandes volumes de datos. Os primeiros froitos deste traballo son iniciativas sectoriais baseadas en plataformas de Business Intelligence na educación ou a gandería para a axuda á toma de decisións nestes eidos.

Así mesmo, no ámbito sanitario destaca o uso de técnicas de Big Data para o desenvolvemento dun sistema pioneiro de análise da información clínica e epidemiolóxica co fin de avanzar na medicina preventiva e personalizada que permitirá predicir e anticiparse ás necesidades de saúde dos pacientes.

A aplicación de técnicas de Big Data para a xestión de datos precisa da posta en marcha de novos enfoques, ferramentas e infraestruturas que favorezan o desenvolvemento das solucións técnicas precisas. Salvar a fenda dixital de acceso ás novas tecnoloxías constitúe a primeira panca para garantir o desenvolvemento da economía dixital, mais é preciso evitar que xurdan barreiras para impedir que a sociedade aproveite as vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías.

É prioritario proporcionar ás persoas as aptitudes dixitais e empresariais que lles permitan facer pleno uso das novas tecnoloxías, analizar macrodatos, comprender cuestións de ciberseguridade, aumentar a súa empregabilidade e crear novas oportunidades de negocio. Neste senso, a Axenda Dixital de Galicia é a folla de ruta para que, entre todos, se dean os pasos necesarios para potenciar o uso das novas tecnoloxías dixitais, co fin de articular un modelo de crecemento vinculado á economía dixital que contribúa a dar resposta aos desafíos aos que se enfronta Galicia en todas as áreas de desenvolvemento.