Asturias interésase polo modelo de Historia Social Única Electrónica que está a implantar a Xunta de Galicia

Luns 03 de Abril de 2017

Asturias interésase polo modelo de Historia Social Única Electrónica que está a implantar a Xunta de Galicia

A directora da Amtega e o director xeral de Inclusión Social mantiveron unha reunión de traballo coas directoras xerais das Consellerías de Sanidade e Servizos Sociais asturianas
Na xuntanza os representantes de Goberno galego expuxeron a folla de ruta que se está a seguir para implantar este sistema, que proporciona aos traballadores da área social, tanto a nivel autonómico como municipal, un acceso único ao expediente social dixital de 530.000 usuarios
A Administración autonómica está a ampliar as funcionalidades do sistema, que incorporará a sinatura electrónica e integrará a información do sistema SIUSSGAL, que empregan os traballadores dos servizos sociais comunitarios
A extensión da Historia Social Única Electrónica, á que xa se adheriron máis de 100 municipios, supón un fito no eido dos servizos sociais similar á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, e o director xeral de Inclusión Social da Consellería de Política Social, Arturo Parrado, mantiveron a pasada semana unha reunión de traballo coa directora xeral de Planificación e Innovación Social da Consellería de Servizos e Dereitos Sociais, Nerea Eguren; e a directora xeral de Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade de Asturias, Mª Concepción Saavedra, que se achegaron a Galicia para coñecer de primeira man a iniciativa da Historia Social Única Electrónica (HSUE), que está a desenvolver a Xunta no marco do Plan Trabe de Modernización dos Servizos Sociais. 

Actualmente, máis de 100 concellos formalizaron a súa adhesión HSUE, a plataforma da Xunta que integra nun mesmo sistema todos os datos relativos á historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes que participan na prestación dos servizos sociais.

Integración con SIUSS e sinatura electrónica

Os representantes autonómicos explicáronlle aos representantes de Asturias o proceso de implantación da HSUE e que, nas vindeiras semanas, se completará a integración da información do sistema SIUSSGAL, que empregan os traballadores dos servizos sociais comunitarios, na Historia Social Única Electrónica o que mellorará a compartición de información entre os profesionais dos servizos sociais de ámbito local e autonómico. Este é un paso fundamental para completar a información da Historia Social Única Electrónica de cada individuo e incrementar a coordinación entre profesionais. Ademais, facilitará o seu labor evitando mecanizar información que estaba no SIUSS pero non accesible desde HSUE así como o seu envío en papel.

En tres meses formalizouse a adhesión de máis de 100 entidades locais á plataforma, que poden acceder ao expediente social de máis de 530.000 usuarios en formato electrónico.

A este avance sumarase desde este mes a incorporación da sinatura electrónica a través de HSUE. Isto permitirá asinar dixitalmente os informes sociais normalizados e arquivalos na Historia Social Única Electrónica do individuo, o que nun futuro permitirá o envío telemático deste informe ás unidades tramitadoras.

Desde o mes de abril, e de xeito progresivo, facilitarase o acceso do persoal médico dos equipos de valoración de discapacidade e dependencia á Historia Clínico Electrónica de persoas que soliciten este recoñecemento. Esta medida contribuirá a acurtar os tempos de tramitación das referidas valoracións.

Máis de 530.000 expedientes dixitais

A HSUE púxose en marcha o pasado mes xullo nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Tras unha fase de probas iniciouse a súa extensión a outros concellos co apoio da  Federación Galega de Municipios e Provincias, a través dun convenio asinado en novembro.

En tres meses formalizouse a adhesión de máis de 70 entidades locais á plataforma, que poden acceder ao expediente social de máis de 530.000 usuarios en formato electrónico.

A extensión da Historia Social Única Electrónica (HSUE) supón un fito no eido dos servizos sociais similar á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario ao integrar nun mesmo sistema todos os datos relativos a historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas.

A plataforma proporciona unha identificación unívoca dos cidadáns, ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado por parte dos profesionais, que accederán só aos datos e información necesaria para o desenvolvemento do seu labor.

Vantaxes para os usuarios

Os cidadáns percibirán as vantaxes do novo sistema na simplificación das tramitacións, e nunha atención máis persoalizada, xa que o profesional terá acceso de xeito inmediato á información máis relevante do seu historial, tanto de servizos como de prestacións ou recursos asignados.

Ademais, facilitará unha atención máis proactiva, grazas a un sistema de alertas e subscricións que avisa ao profesional de calquera cambio no historial da persoa para que poida actuar de maneira inmediata.

Plan Trabe

O Plan Trabe para a Modernización Tecnolóxica dos Servizos Sociais, dotado cun orzamento de 19,7 millóns de euros en cinco anos, é un instrumento de apoio á planificación estratéxica deste área clave para a Comunidade, que xestiona a atención e as prestacións dun terzo da poboación.

Coa integración das TIC na xestión dos servizos sociais, a Administración autonómica busca mellorar a súa eficiencia para garantir á sostibilidade do sistema e incrementar a súa capacidade para dar cobertura a unha demanda que está en aumento. Ademais, a modernización da xestión permitirá reducir tarefas administrativos e prazos de tramitación. 

As actuacións do Plan Trabe  incluidas dentro da operación "Plataforma tecnolóxica do catálogo galego de servizos sociais - Implantación da Historia Social Única Electrónica" atópanse cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

Image removed.