Arranca a segunda edición do Programa AceleraTIC de Amtega para a transformación dixital da peme galega

Xoves 04 de Maio de 2017

Arranca a segunda edición do Programa AceleraTIC de Amtega para a transformación dixital da peme galega

Vintecinco pemes de diversos sectores de actividade recibirán esta formación da man de IESIDE-Escola de Negocios AFundación
O número de solicitudes triplicou as prazas ofertadas, o que dá conta da excelente acollida do Programa AceleraTIC+

O Programa formativo AceleraTIC+ de Amtega para a transformación dixital das pemes (https://cdtic.xunta.gal/programa-formativo-aceleraticp) comeza este xoves 4 de maio para vintecinco pemes e micropemes de diversos sectores como turismo, construción, saúde, educación, enerxía, industria química, actividades administrativas ou pequeno comercio.

A demanda de solicitudes para participar no Programa AceleraTIC+ triplicou as prazas ofertadas o que dá conta do interese das pemes galegas en recibir este tipo de formación especializada en materia de transformación dixital.

AceleraTIC+ é a continuación do AceleraTIC, celebrado en 2016 tamén en colaboración coa IESIDE-Escola de Negocios Afundación (https://www.youtube.com/watch?v=SYTYjd-TBsA&feature=youtu.be). AceleraTIC+ busca contribuír á creación dun perfil directivo que manexe o dixital dende un punto de vista estratéxico, é dicir, que adquira as habilidades necesarias para entender o valor que achegan as tecnoloxías ao negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.

Sesións formativas do AceleraTIC+

O programa estrutúrase en seis sesións formativas, de sete horas de duración cada unha, centradas en diferentes aspectos da transformación dixital e que se impartirán na sala 1 da Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura.

Como xa se comentou, comezan o 4 de maio e continuarán ao longo dese mes e do de xuño coa seguinte distribución:

Xoves 11 de maio. Novas canles de comunicación coa clientela. Marketing dixital e redes sociais. Javier Varela
Xoves 18 de maio. Estratexia de dixitalización da canle de vendas. O comercio electrónico como unha alternativa estratéxica. Carlos Otero
Xoves 25 de maio. Posicionamento en Internet: SEO – SEM. José Alcañiz
Xoves 1 de xuño. Ferramentas de medición e análise – Obradoiro de Google Analytics. Fernando Gómez
Mércores 7 de xuño. Modelos organizativos e visión dixital. Transformación e xestión do cambio organizacional. Pablo Castejón

Finalmente o xoves 8 e o venres 9 de xuño serán dúas xornadas de titorización/consultoría personalizada.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda do resto dos sectores empresariais galegos.

O obxectivo principal do CDTIC é amosar e demostrarlles ás empresas e aos profesionais os beneficios que as TIC poden ofrecerlle ao seu negocio. Para conseguilo o CDTIC pon a disposición do sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos e servizos.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciado con fondos Feder.