Arranca a primeira edición de “Connecting for good Galicia”, o centro de Vodafone e a Xunta que impulsa a innovación social dixital desde o Gaiás Escoitar

Martes 13 de Decembro de 2016

Arranca a primeira edición de “Connecting for good Galicia”, o centro de Vodafone e a Xunta que impulsa a innovación social dixital desde o Gaiás Escoitar

Amtega, Gain, Igape e a Fundación Vodafone deron hoxe a benvida aos responsables das seis iniciativas empresariais que participan no programa
Estes proxectos, seleccionados entre máis de 40 candidaturas, están orientados a mellorar a calidade de vida de persoas con diabetes, á educación nas aulas, aos coidados de enfermos de Alzheimer, á alfabetización das persoas maiores, ao tratamento de fobias e á xestión do traballo das confrarías de mariscadores galegas
Durante seis meses accederán a sesións de formación, mentoring, axudas económicas e a un espazo de coworking na Cidade da Cultura

O programa “Connecting for Good Galicia” iniciou hoxe a súa andaina no Gaiás coa benvida institucional aos seis proxectos emprendedores de innovación social que integran a primeira edición desta iniciativa, impulsada pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira; o director do Igape, Javier Aguilera; a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o director de Vodafone España en Galicia, Fran Vallejo, inauguraron esta mañá o Centro Conecting for Good, situado na Cidade da Cultura e que ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia.

Os seis proxectos participantes, seleccionados entre as máis de 40 candidaturas recibidas, están orientados a mellorar a calidade de vida de persoas con diabetes, á educación nas aulas, aos coidados de enfermos de Alzheimer, á alfabetización das persoas maiores, ao tratamento de fobias e á xestión do traballo das confrarías de mariscadores galegas.

Beneficios de formar parte do programa

As seis iniciativas inician agora un plan de formación de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio, e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, disporán dun lugar de traballo no espazo ‘Vodafone Connecting for Good’ situado na Cidade da Cultura.

Cada un dos proxectos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros, outorgado pola Axencia Galega de Innovación (Gain), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados.

Ademais, os seis proxectos poderán optar á concesión dunha axuda extra de 25.000 euros, outorgada por Gain, e un préstamo participativo ata un máximo de 25.000 euros, a través de XesGalicia, ao seleccionado como mellor dos seis proxectos, para a súa execución e posta en marcha.

Vodafone outorgará o Premio “Conectados pola Accesibilidade”, cunha dotación de 10.000 euros ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

Seis iniciativas empresariais

Insulclock: un dispositivo electrónico que se axusta á pluma de insulina e almacena automaticamente toda información relativa á súa administración: hora e día, dose e tipo de insulina. Esta solución mellora a calidade de vida das persoas con diabetes, evitando esquecementos e equivocacións grazas ao sistema de alarmas e avisos.
Robobo: unha ferramenta educativa que facilita a utilización de robots na  aula, promovendo a adquisición de competencias básicas (como por exemplo en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) por parte do alumno.
MyKeeper: un proxecto que integra dous dispositivos pensados para facilitar a tarefa do coidador de enfermo de Alzheimer ou outra demencia. Inclúe un sistema de localización integrado nun reloxo ou unha pulseira e un sistema que detecta cando o paciente pretende levantarse da cama, xerando unha alerta ao familiar ou coidador.
Phottic: un proxecto de alfabetización de maiores que recupera as historias do mundo a través da fotografía, onde os mozos achegan o coñecemento tecnolóxico e os maiores a historia das imaxes.
PsicoVR: un software desenvolvido para lentes de realidade virtual, destinado ao tratamento psicolóxico de fobias, tensións ou pánico.
Xesmar: unha aplicación web que permite mellorar a xestión, organización do traballo e acceso á información no colectivo de mariscadores das confrarías de Galicia.