A Xunta porá en marcha o primeiro Plan de sistemas de tecnoloxías da información na Xustiza en Galicia para acadar máis axilidade na xestión procesal e achegar os servizos aos cidadáns

Venres 12 de Marzo de 2010

A Xunta porá en marcha o primeiro Plan de sistemas de tecnoloxías da información na Xustiza en Galicia para acadar máis axilidade na xestión procesal e achegar os servizos aos cidadáns

A secretaría xeral de Modernización está a relanzar o proceso de implantación do sistema LexNET que permite o intercambio seguro e electrónico de información entre os xulgados, procuradores e avogados.

O Plan TIC de Medidas Urxentes 2009-2010 está xa a establecer as bases para mellorar a infraestrutura tecnolóxica no sector xudicial.

Estase a definir un modelo de xestión audiovisual para a gravación das vistas en todas as salas e o uso da videoconferencia para optimizar tempo e custos.

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, destacou hoxe o importante traballo que se está a desenvolver desde o Goberno galego para avanzar na aplicación das TIC na Administración da Xustiza en Galicia. Unha tarefa que comezou o pasado mes de xullo coa implantación do Plan TIC de Medidas Urxentes e que dará paso ao Primeiro Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Xustiza da Comunidade. Así o explicou esta mañá a responsable do departamento autonómico durante as “Primeiras Xornadas Autonómicas de Procuradores e Secretarios Xudiciais”, celebradas na Coruña.

Cun investimento de máis de 2.100.000€ para o período 2009-2010, o Plan TIC de Medidas Urxentes abrangue unha serie de accións encamiñadas á mellora e á estabilización da infraestrutura tecnolóxica e de servizos para establecer unhas bases sólidas e sostibles que permitan avanzar na aplicación das TIC na Administración de Xustiza. Entre as actuacións que se están a realizar, Mar Pereira destacou a continuación do proceso de implantación do sistema LexNET en toda a Comunidade. O LexNET, que xa está operativo na Coruña, Santiago, Padrón e Ordes, permite o intercambio seguro de información a través da vía telemática entre xulgados, procuradores e avogados, “promovendo a identificación dixital e a sinatura electrónica dos profesionais, reducindo os tempos de tramitación e resposta e cumprindo así cos requerimentos normativos esixidos nas leis procesais”, segundo indicou a secretaria xeral.

Outro aspecto fundamental na implantación das TIC no ámbito xudicial é, segundo Mar Pereira, “a definición do modelo de xestión audiovisual para a gravación de vistas co obxectivo final de integralas no expediente xudicial único”. A Lei 13/2009 de reforma da lexislación procesal recolle a obligatoriedade de gravar as vistas a partir do vindeiro 4 de maio, por iso se está a traballar para que este proceso conte cun modelo operativo que abranga as especificacións lexislativas pertinentes como a sinatura dixital da gravación, a súa custodia, rexistro e petición de copias, etc. Tamén se contempla a modernización da infraestrutura tecnolóxica para estender o sistema de gravación a todas as salas coa incorporación de dispensadores, pantallas informativas ou sistemas de almacenamento centralizado, entre outras medidas.

Dentro do modelo de xestión audiovisual, a responsable de Modernización, lembrou a importancia “de integrar na práctica habitual do sistema xudicial o uso da videoconferencia para optimizar custos e tempos”. Nesta mesma liña de consolidación de sistemas clave da Xustiza, a secretaria xeral destacou os avances na implantación do programa Inforeg para a informatización e dixitalización dos Rexistros Civís e dos Xulgados de Paz. Dos 270 Xulgados de Paz da Comunidade, o 91% xa teñen acondicionada a infraestrutura e a conectividade, o 70% do persoal recibiu formación sobre o sistema e o 32% destes organismos empregan habitualmente o Inforeg. En canto á informatización dos Rexistros Civís, iniciouse o proceso nos centros principais e dixitalizáronse 6.400 tomos dos 45 Rexistros Civís galegos desde o ano 1950.

Nodo TIC
Unhas redes de comunicación ben dimensionadas xunto cunha plataforma ofimática moderna que requira un menor tempo de mantemento permitirán dotar a Galicia dunha Xustiza na que o expediente único, centralizado e electrónico sexa unha realidade. Ademais, facilitar a interoperabilidade con outras comunidades autónomas e con outros organismos e mellorar as posibilidades de acceso dos cidadáns aos procesos e servizos online son obxectivos prioritarios do Plan de Sistemas TIC no ámbito da Xustiza. Con estas actuacións perséguese acadar o Nodo TIC galego do ámbito xudicial, que implica a consolidación dun núcleo de xestión integrado das telecomunicacións deste área.

A secretaria xeral de Modernización fixo fincapé en que o reto do Goberno galego neste área é facer realidade “a integración ordenada das TIC na Administración de Xustiza para que actúen como catalizadoras de modernización e axilización deste sector relevante”. Unha actuación que se enmarca na liña estratéxica de eGoberno da Xunta, que fai especial énfase nos sectores máis sensibles para o cidadán como son a saúde, a educación e a xustiza.

Mar Pereira indicou que todo este traballo se realizará contando coa participación das autoridades competentes e colectivos implicados na Administración da Xustiza, xuíces e maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais, persoal funcionario, forenses, colexios de procuradores e avogados, ademais de representantes sindicais.