Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A Xunta estende o servizo de videointerpretación para persoas xordas ás oficinas de turismo de Vigo, A Coruña, Lugo e Santiago

A Amtega e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia veñen de asinar un acordo para ampliar esta prestación, que se puxo en marcha hai 6 anos
O sistema xa está dispoñible de xeito presencial nos 7 rexistros principais da Xunta, en centros sanitarios de Compostela e a través de xunta.gal
Facilita a máis de 84.000 galegos con algunha discapacidade auditiva o acceso á mesma información que se ofrece a través do teléfono 012

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de poñer en marcha o servizo de videointerpretación en lingua de signos nas oficinas de turismo dependentes da Xunta en Vigo, A Coruña, Lugo e proximamente tamén estará dispoñible na de Santiago.

A extensión deste servizo é posible grazas a un convenio asinado recentemente pola Amtega e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), cunha achega da Axencia pública de preto de 70.000 euros. Este acordo dá continuidade á colaboración que manteñen ambas as dúas entidades desde o ano 2011, cando se puxo en marcha este sistema, que facilita ás persoas con algunha discapacidade auditiva a información que se facilita a través do teléfono 012.

Servizo presencial e online

O sistema de videointerpretación está dispoñible de xeito presencial no Rexistro Xeral de San Caetano e nos rexistros das delegacións da Xunta na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol, así como en 2 centros do Servizo Galego de Saúde en Santiago de Compostela. A través deste dispositivo as persoas xordas que acoden a estas dependencias poden poñerse en contacto co servizo de videointerpretación da FAXPG, desde onde se facilita a interpretación da lingua oral á lingua de signos entre o empregado do rexistro ou do centro de saúde e o usuario.

Ademais, as persoas con discapacidade auditiva poden empregar a videointerpretación a través da web da Xunta. Neste caso o usuario precisa dun ordenador con webcam co que contactará co servizo de videointerpretación indicando a persoa, entidade ou servizo co que desexa facer a súa consulta. Utilizando unha liña paralela, o videointérprete contacta co destinatario e lle indica que se vai a establecer a comunicación. A partir dese momento o videointérprete actúa de ponte entre a lingua de signos e a lingua oral, posibilitando así a comunicación entre a persoa xorda e a persoa oínte.

Beneficiarios

Galicia, onde hai máis de 84.000 persoas con algunha discapacidade auditiva que se poden beneficiar desta prestación, foi a segunda Comunidade Autónoma en activar o servizo de videointerpretación en lingua de signos. Esta iniciativa foi impulsada pola Confederación Estatal de Personas Sordas (á que está asociada a FAXPG) e en Galicia púxose en marcha en 2011 grazas á colaboración entre a FAXPG e a Amtega.