A Xunta dá o visto e prace á Lei do taxi e á Lei de impulso e ordenación das telecomunicacións, aprobadas no primeiro semestre de 2012, para iniciar o seu trámite parlamentario

Xoves 13 de Decembro de 2012

A Xunta dá o visto e prace á Lei do taxi e á Lei de impulso e ordenación das telecomunicacións, aprobadas no primeiro semestre de 2012, para iniciar o seu trámite parlamentario

O presidente do Goberno galego subliña que a Lei do taxi, froito do consenso, ten como obxectivo dar maior estabilidade ao sector e maiores vantaxes aos usuarios

Feijóo destaca que a universalización das telecomunicacións non é un luxo, é unha necesidade desde o punto de vista dos cidadáns, e afirma que o novo documento establece maior coordinación, maior planificación e maior anticipación; “intentando converter o servizo das telecomunicacións nun servizo público ordinario, como é o da auga, o eléctrico ou o de abastecemento e saneamento”

O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á Lei do taxi e á Lei de impulso e ordenación das telecomunicacións -aprobadas no primeiro semestre de 2012- para iniciar o seu trámite parlamentario, logo da interrupción da súa tramitación pola disolución do órgano lexislativo.

No tocante á Lei do taxi, o presidente do Goberno galego cualificou a norma de pioneira, novidosa e necesaria. “Novidosa porque ata o de agora o sector carecía dunha normativa propia; e necesaria para dar seguridade xurídica a un sector que representa a 4.000 taxistas, a 138 vehículos de arrendamento con condutor e a miles de usuarios”.

Logo de precisar que o texto é froito do acordo co sector, Feijóo incidiu en que o obxectivo do texto é dar maior estabilidade ao sector e maiores vantaxes aos usuarios. “Estamos a falar dunha lei que, por primeira vez, ordena un sector en Galicia, o sector do taxi, blindando unha norma homoxénea para Galicia e blindando un mellor servizo público para os galegos”.

Neste sentido, explicou que o documento harmonizará os requisitos que deben cumprir todos os taxis en Galicia, tanto no ámbito urbano como interurbano. Establece o procedemento para obter a licenza municipal necesaria para facer servizos dentro do núcleo urbano e coordina esta competencia coa autorización autonómica para realizar servizos interurbanos.

Así mesmo, regúlanse as chamadas áreas territoriais de prestación conxunta, de xeito que, cando a mobilidade recorrente dos cidadáns a ámbitos supramunicipais así o requira, se impulsará este tipo de áreas. Deste xeito, as áreas territoriais de prestación conxunta agruparán varios concellos nos cales os vehículos con licenza de taxi estarán facultados para a prestación dos servizos que se realicen integramente dentro de dita área ou se inicien no interior dela.

A lei establece unha limitación de número de licencias vixentes que, con carácter xeral, será un taxi por cada 1.000 habitantes; e, tamén, regula a actividade do transporte en réxime de arrendamento de vehículos con condutor para establecer unha marxe competencia leal entre o taxi e estes vehículos.

Desde o punto de vista de vantaxes para os usuarios, Feijóo subliñou que o texto prevé a posibilidade de interconectar cun único número todos os servizos de radiotaxi; aposta por mellorar o nivel de accesibilidade do servizo a persoas con mobilidade reducida, tanto mediante a progresiva adaptación dos vehículos como a través da axuda que deben prestarlles os condutores; e prevé a paulatina implantación de taxímetros que emitan sinais perceptibles para as persoas que o necesitan.

Sobre a Lei de impulso e ordenación das telecomunicacións, o titular da Xunta afirmou que: “Esta lei inicia unha nova andaina no ámbito das obras públicas, dos edificios públicos e tamén dos edificios privados que se vaian construír no futuro”.

Feijóo subliñou que a universalización das telecomunicacións non é un luxo, é unha necesidade desde o punto de vista dos cidadáns, “e esta lei –incidiu- establece maior coordinación, maior planificación e maior anticipación”.

Coordinación entre os axentes públicos e privados, porque para evitar que se dupliquen esforzos e investimentos, a lei obrigará aos operadores a remitir periodicamente información dos seus plans de despregamento executados e previstos. E, con esta información se desenvolverá o único mapa de infraestruturas de telecomunicacións en Galicia que evitará infraestruturas superpostas. “E obrigarase aos operadores a compartir esas infraestruturas para o despregamento das redes de telecomunicación; o que significa que haberá unha implantación ordenada e eficiente das infraestruturas, un maior fomento da competencia e haberá que compatibilizar e compartir as infraestruturas para facilitar, por exemplo, a maior cobertura do teléfono móbil”.

Así mesmo, o responsable do Goberno galego explicou que a lei prevé un plan sectorial de infraestruturas de telecomunicación en Galicia, por primeira vez, que permitirá establecer os criterios que deberán seguir os concellos e a Xunta para a planificación de todas as súas infraestruturas de telecomunicacións, “intentando converter o servizo das telecomunicacións nun servizo público ordinario, como é o da auga, o eléctrico ou o de abastecemento e saneamento”.

Feijóo asegurou que a norma regula a previsión de infraestruturas de telecomunicacións en todos os novos edificios públicos que se executen na comunidade; “e prevé a inclusión de infraestruturas de telecomunicación en proxectos de obra pública –estradas, redes de abastecemento, redes de saneamento- de xeito que, en paralelo á realización destas obras, se dispoñan canalizacións e espazos que poidan ser empregados por operadores, públicos e privados”.

Por último, a nova lei tamén obriga á implantación dos novos servizos das TIC nos fogares, para que as vivendas de nova construción estean preparadas para albergar o fogar dixital.