A Xunta colabora co Centro Criptológico Nacional para avanzar na seguridade e a eliminación de riscos no transvase de información a través da administración electrónica

Xoves 17 de Decembro de 2009

A Xunta colabora co Centro Criptológico Nacional para avanzar na seguridade e a eliminación de riscos no transvase de información a través da administración electrónica

A Xunta traballa actualmente na redacción do Plan Director de Seguridade da Información, que establecerá as actuacións a levar a cabo pola Comunidade Autónoma nesta materia. Dito Plan busca, tamén, o control de acceso á rede para garantir a seguridade de todos os usuarios. Barros destaca “o papel da Administración electrónica e o exercicio do liderado das iniciativas en materia da sociedade da información como eixo vertebrador da sociedade galega”.

A Xunta de Galicia, a través do subdirector xeral de Calidade, Interoperabilidade e Seguridade, Xaime Barros, insistiu hoxe, durante o acto de presentación do Servicio de Respuesta ante Incidentes de Seguridad de la Información para las Administraciones Públicas do Centro Criptológico Nacional, na importancia de traballar na seguridade e na eliminación de riscos no transvase de información a través da Administración electrónica. Dito obxectivo -engadiu- debe manifestarse no dobre papel de lograr a correcta adecuación á normativa de protección de datos de carácter persoal, e no establecemento de medidas de todo tipo (físicas, técnicas, organizativas, legais e de formación e concienciación) dirixidas a minimizar os riscos que afectan á seguridade informática.

Neste sentido, a Xunta de Galicia está a traballar na redacción do Plan Director de Seguridade da Información, que establecerá as actuacións a levar a cabo pola Comunidade Autónoma nesta materia. Dentro das mesmas, prestarase especial atención á análise de riscos, que trata de identificar os perigos aos que están sometidos os activos para poder facer un estudo sobre os custos e beneficios das medidas necesarias para arranxalos.

Ademais, o Plan busca controlar o acceso á rede para garantir os mecanismos de seguridade dos usuarios. Para elo, estableceranse os servizos de autentificación e autorización de usuarios e a creación dun directorio corporativo.

Por último, Jaime Barros aproveitou a súa intervención para manifestar o compromiso da Secretaría Xeral co impulso da Administración electrónica e o exercicio do liderado das iniciativas en materia da sociedade da información, como elemento indispensable para a modernización da Administración pública e como eixo vertebrador da sociedade galega. Para iso, manifestou, “a Administración da Comunidade Autónoma acometerá unha serie de iniciativas orientadas a asesorar e sensibilizar ao persoal da Administración Local e da Administración de Xustiza en materia de protección de datos e de seguridade informática”.

Na xornada organizada pola Secretaría Xeral de Modernización Tecnolóxica da Xunta e o Centro Criptológico Nacional (dependente do Centro Nacional de Intelixencia, CNI) interviron tamén o subdirector adxunto do Equipo de Respuesta ante Incidentes de la Seguridad de la Información do CCN, Luis Jiménez, e o supervisor dese organismo, Javier Candau.

Ambos os dous presentaron ante os asistentes este Equipo de Resposta, creado para contribuír á mellora do nivel de seguridade dos sistemas de información das Administracións públicas. Deste xeito, as Administracións poden acceder a gran número de servizos, totalmente gratuítos, cos que mellorar o nivel de seguridade dos seus sistemas e resolver calquera incidente a nivel informático.