A Xunta ampliará o catálogo de servizos dixitais aos concellos para facilitarlles a adaptación á Lei 39/2015, que busca consolidar a Administración electrónica

Xoves 26 de Xaneiro de 2017

A Xunta ampliará o catálogo de servizos dixitais aos concellos para facilitarlles a adaptación á Lei 39/2015, que busca consolidar a Administración electrónica

A directora da Amtega sinalou que se porán á disposición das entidades locais ferramentas esixidas pola nova lei como as notificacións electrónicas ou o Arquivo Dixital
Mar Pereira adiantou hoxe que se está a traballar coa Fegamp nun acordo para desenvolver esta actuación, que ampliará a colaboración iniciada en 2009
A consolidación da Administración electrónica é un dos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia 2020 xunto coa dixitalización da Educación, a Xustiza, os Servizos de Benestar ou os sectores primarios galegos

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, adiantou esta mañá que a Xunta está a traballar nun novo acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias de Galicia (Fegamp) para ampliar o catálogo de servizos dixitais que a Administración pon á disposición dos concellos. O obxectivo desta cooperación é facilitar a adaptación das entidades locais á nova lei 39/2015, que esixe que o procedemento electrónico sexa o habitual e non a excepcións nas Administracións.

Este acordo ampliará a colaboración que a Xunta iniciou en 2009 coa Fegamp para impulsar a Administración electrónica nos concellos, facilitándolle o acceso a novos servizos dixitais da Xunta neste ámbito como as notificacións electrónicas ou o Arquivo Dixital. A directora da Amtega avanzou esta medida na inauguración da Xornada “A Transformación Dixital na Administración Pública”, organizada pola Revista Socinfo.

Administración Dixital
Mar Pereira destacou que a dixitalización da Administración é un dos obxectivos da Axenda Dixital 2020 e que Galicia ten en marcha parte das medidas que esixen as leis 30/2015 e 40/2015, que entraron en vigor o pasado mes de outubro. Neste sentido, destacou que os galegos xa poden solicitar as notificacións electrónicas coa Administración, a través do Sistema Notific@, que, unha vez completada a súa implantación, permitirá un aforro de 2 millóns de euros fronte á notificación en papel.

Sinalou tamén que a Xunta conta xa desde 2015 coa plataforma de interoperabilidade Pasaxe!, con preto de 40 certificados dispoñibles, que evita aos cidadáns a presentación de documentos que xa obran en poder da Administración. A entrada en funcionamento de novos servizos na sede electrónica como a obtención de certificados, o Arquivo Electrónico ou a dixitalización dos Rexistros son outras das medidas xa en marcha.

Xustiza, Educación, Cultura, Turismo e Benestar
Xunto coa consolidación da Administración electrónica, Mar Pereira lembrou que a Axenda Dixital establece a folla de ruta para dixitalizar outros servizos públicos esenciais como a Xustiza, a Educación ou área do Benestar.

No ámbito xudicial, a responsable da Axencia autonómica, indicou que o obxectivo é avanzar na implantación do expediente xudicial electrónico coas medidas do Plan Senda 2020 estendendo a implantación de equipamento tecnolóxico, e a consolidación das pezas chave do EXE. No ámbito educativo, estenderanse as aulas dixitais a todos os centros educativos de Primaria, ESO e bacharelato no marco do proxecto Abalar. As principais actuacións previstas no eido social son a consolidación da Historia Social Única Electrónica, que xa conta con preto de 400.000 historias, e avanzar no modelo de Fogar Dixital.

Dixitalización do Turismo e do Patrimonio Cultural

Respecto ao Turismo, un dos sectores estratéxicos para Galicia, Pereira avanzou que o Plan Smarturismo buscará consolidar o uso da plataforma tecnolóxica, xa construída, que facilita a comunicación e colaboración co sector, e desenvolverá novos servizos para as oficinas de turismo e albergues do Camiño de Santiago.

No eido cultural, a directora da Amtega avanzou que este ano poranse en marcha novas liñas de actuación vinculadas á Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa para dixitalizar todo o patrimonio material e inmaterial da Comunidade, coa integración de novos fondos en Galiciana e a evolución dos sistemas de catalogación de recursos de arquivos, bibliotecas e museos.

Modernización dos Sectores Primarios
No sector primario, en 2017 avanzarase en dúas liñas do programa Primare co desenvolvemento dunha plataforma de servizos de valor engadido tanto para os agricultores como para a administración e coa modernización dos procesos de xestión e comercialización nas lonxas de Galicia.

Sector TIC, elemento tractor da dixitalización

Finalmente, a directora da Amtega fixo fincapé en que no desenvolvemento de todas esta iniciativas a Administración autonómica conta coa colaboración do sector TIC, que é “socio” da Axenda Dixital galega e tamén obxectivo das súas actuacións para consolidalo como impulsor imprescindible da dixitalización do resto dos sectores produtivos.