A web do Instituto Enerxético de Galicia recibiu 232.159 visitas en 2009, un 37,5% máis que en 2008

Sábado 09 de Xaneiro de 2010

A web do Instituto Enerxético de Galicia recibiu 232.159 visitas en 2009, un 37,5% máis que en 2008

Novembro foi o mes que recibiu máis consultas cun total de 44.523, 1.484 diarias, debido á apertura do prazo de solicitude das axudas de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables e por estar aínda activo o Plan Renove de Electrodomésticos. De todo o ano, o 2 de novembro foi a data con máis visitas, cun total de 2.752, seguida do 26 de novembro con 2.256. Os contidos máis visitados foron o Plan Renove de Electrodomésticos 2009, o Plan Renove de Fiestras 2009 e as subvencións de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables. Un total de 118 webs están enlazadas coa do Inega.

Máis de 232.000 foron as visitas que recibiu en 2009 a páxina web do Instituto Enerxético de Galicia, www.inega.es, isto é, unha media de 636 consultas diarias, o que supón un incremento do 37,5% respecto ao 2008, no que o número total foi de 168.798.

Concretamente a web do Inega, organismo dirixido por Eliseo Diéguez e adscrito á Consellería de Economía e Industria, totalizou 232.159 visitas en 2009. No cómputo mensual, novembro sitúase á cabeza con 44.523 consultas. A razón desta elevada petición de información a través da web no devandito mes, que conlevou que cada día a visitasen 1.484 persoas, corresponde a que nese momento acababan de abrirse as solicitudes para as axudas de aforro e eficiencia enerxética e enerxías renovables, ademais de coincidir co Plan Renove de Electrodomésticos, cuxas axudas se pecharon o 2 de novembro por esgotamento dos 4 millóns de euros de orzamento inicial, en tan só 29 días.

Tras novembro, foi outubro o mes con maior número de visitas con 43.945, isto é, 1.418 diarias. Por detrás sitúase o mes de decembro, con 27.038 visitas, coincidindo coa apertura do Plan Renove de Fiestras -que finalizou en tres días ao completarse os 1,2 millóns de orzamento-; co remate da solicitude de axudas de aforro e eficiencia enerxética e de enerxías renovables; coa presentación do Plan Renove de Equipos de Climatización; coa ampliación de fondos do Plan de Vehículos Eficientes 2008 e coa presentación do Plan de Vehículos Eficientes 2009, así como de diversas aplicacións informáticas que permiten calcular o aforro enerxético e económico que se obtén nun fogar optando por electrodomésticos ou lámpadas de baixo consumo ou apagando totalmente os equipos electrónicos. Febreiro superou tamén a barreira das 20.000 visitas, cun total de 20.582 -data na que se ampliaron os fondos do Plan Renove de Fiestras 2008-.

O número de visitas nos restantes meses flutuou entre un mínimo de 9.000 e un máximo de 16.000. A distribución foi a seguinte: en xaneiro houbo 16.024 visitas; en marzo, 12.003; en abril, 9.316; en maio, 9.535; en xuño, 10.360; en xullo, 11.649; en agosto, 10.480; e en setembro, 16.704.

Duración media das visitas
A duración media das visitas sitúase entre os 7 e 8 minutos. Os días con picos máis altos de visitas foron o 2 de novembro, cun total de 2.752 visitas; o 26 de novembro con 2.256; o 29 de outubro con 2.222 e o 1 de decembro, con 2.037.

Os contidos máis visitados da páxina web do Inega foron o Plan Renove de Electrodomésticos 2009, o Plan Renove de Fiestras 2009 e as subvencións de aforro e enerxías renovables.

As frases claves máis utilizadas coas que o usuario chega á web do Inega realizando a consulta nun buscador foron: axudas Inega 2009, subvencións fiestras, listado de comercios adheridos Plan Renove Electrodomésticos 2009, instaladores Renove Fiestras, Plan Renove Electrodomésticos en Galicia 2009 e enerxías renovables.

Un total de 118 páxinas web enlazan coa web do Inega, entre elas atópanse as de organismos públicos como a da Xunta de Galicia, a da Consellería de Economía e Industria, e as de diversos concellos; as de medios de comunicación; as de varios establecementos comerciais (adheridos aos distintos Plan Renove do Inega); a do IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía e a do Parque Eólico Experimental de Sotavento, entre outras.