A web da Xunta é a terceira máis accesible de todos os portais corporativos das Comunidades Autónomas
En menos dun ano o portal www.xunta.es subiu 10 posicións nesta clasificación estatal
A web de Xunta de Galicia é a terceira máis accesible de todos os portais corporativos das Comunidades Autónomas, segundo o último informe do Observatorio de Accesibilidade do Ministerio Política Territorial e Administración Pública. En menos dun ano, entre xuño do 2010 e outubro de 2011, o portal corporativo subiu dez postos nesta clasificación.
O Observatorio puntúa os portais en 3 niveis de cumprimento e tamén cunha nota media de 0 a 10. No último informe o portal da Xunta obtivo o máximo grao de cumprimento dos 3 niveis, e unha puntuación media dun 9 sobre 10.
Desde o Goberno galego, enténdese que a presenza da Administración pública en Internet debe articularse sobre o principio de accesibilidade. Para evitar que ningunha persoa quede excluída deste dereito, a Xunta de Galicia está a levar a cabo accións que contribúan á mellora deste acceso por parte daqueles colectivos que presentan algún tipo de discapacidade, xa sexa física, sensorial ou cognitiva.
Videointerpretación para persoas xordas e audiocontidos
Para avanzar neste camiño a Secretaría Xeral de Modernización puxo en marcha este ano un sistema de videointerpretación en lingua de signos que lle garante ás persoas xordas o acceso, en igualdade de condicións, ao 012, a liña telefónica que canaliza todas as consultas de información xeral que a cidadanía dirixe á Administración galega. O servizo de videointerpretación para persoas xordas ponse en marcha en Galicia grazas a un convenio asinado entre a Xunta e a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.
Esta ferramenta, que está dispoñible na rede, pode usarse tamén, de xeito presencial, no Rexistro Xeral da Xunta en Santiago de Compostela e nas delegacións deste na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol, espazos nos que integra a maiores todos os servizos que se prestan habitualmente na Oficina de Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia.
A Administración galega desenvolveu tamén unha sistema de reprodución de texto web a voz online que está dispoñible para todos os portais da Xunta de Galicia que queiran integrala como un servizo de audiocontidos.