A Rede CeMIT impartiu en 2012 máis de 38.000 horas de formación dixital gratuíta, o dobre que en 2011

Venres 28 de Decembro de 2012

A Rede CeMIT impartiu en 2012 máis de 38.000 horas de formación dixital gratuíta, o dobre que en 2011

Este ano duplicáronse tamén os usuarios rexistrados, que superan os 21.000 e que sitúan o seu grao de satisfacción nun 8,75 sobre 10

O usuario medio é unha muller con coñecementos TIC básicos de entre 41 e 65 anos

En 2013 a Rede ten previsto acadar os 25.000 usuarios e impartir 40.000 horas de formación incrementando o peso dos cursos de nivel medio e avanzado

O vindeiro ano a Rede converterase en centro oficial para a certificación da competencia dixital

O Consello da Xunta aprobou onte a prórroga para 2013 do convenio aos concellos adheridos a Rede CeMIT

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) impartiu este ano máis de 38.000 horas de formación dixital gratuíta, o dobre que 2011. Ademais, en 2012 duplicáronse os usuarios rexistrados do ano anterior superando os 21.000. Estes datos sitúan a Rede CeMIT como a iniciativa co maior número de usuarios fóra da educación regrada e cun nivel de satisfacción dun 8,75% sobre 10.

Das máis de 38.000 horas do Plan de Formación 2012, máis do 61% corresponden aos cursos de alfabetización dixital dirixidos á cidadanía en xeral; os cursos sobre contidos multimedia e audiovisual representan o 24,39%.

O resto das horas repártense entre a formación para profesionais TIC, realizada en colaboración co CNTG, e que supón preto de 3.000 horas e a destinada aos empregados públicos a través da EGAP, que suma un total de 2.00 horas.

Ademais, a Rede impartiu 700 horas de formación destinada a empresarios e emprendedores e máis de 800 a colectivos específicos como persoas en situación de desemprego.

En 2013 máis cursos de nivel medio e avanzado 
As previsións para 2013 son chegar aos 25.000 usuarios e acadar as 40.000 horas de formación. O Plan de Formación do vindeiro ano avanzará na consolidación dos coñecementos adquiridos polos usuarios incrementando os cursos de nivel medio e avanzado. Para mellorar a aprendizaxe establécense 13 itinerarios formativos con 60 cursos para as distintas áreas en función dos colectivos e as súas necesitades.

Os itinerarios formativos abranguen a alfabetización dixital básica, a formación destinada a empresarios e emprendedores, equipamento TIC, redes sociais, imaxe e audio, formación a desempregados, ofimática en software libre, operacións a través de Internet, creación multimedia e web 2.0, administración electrónica, capacitación especialización e software libre, ocio en Internet e multimedia e ferramentas TIC.

Cando o usuario accede á Rede realiza unha proba de nivel para que o Axente TIC lle poida recomendar a realización do itinerario máis axustado ás súas necesidades. Así mesmo os cursos rematan cunha proba de aproveitamento para coñecer o nivel de aprendizaxe do usuario.

Perfil dos usuarios 
O perfil medio de usuario da Rede é unha muller con coñecementos básicos en tecnoloxía de entre 41 e 65 anos de idade.As mulleres representan o 57% dos usuarios da rede fronte ao 43% de homes. Por nivel de coñecementos, o 68% dos usuarios afirman contar cunha formación básica ou media, un 27% afirma carecer de coñecementos e un 5% sitúanse nun nivel avanzado. Por idades, o grupo maioritario ten entre 26 e 65 anos, que supoñen o 68% do usuarios, un 24% teñen menos de 15 e 25 anos e o grupo minoritario son os maiores de 65 anos que representan o 8%.

A Rede: Centro Oficial de Acreditación Dixital
Ao longo de 2013 a Rede converterase no Centro Oficial para a certificación da competencia dixital, é dicir, realizaranse os exames que outorgan a Certificación Galega de Competencias Dixitais en Ofimática. Este certificado permite á persoa titular acreditar, ante calquera instancia pública ou privada, as súas competencias en tecnoloxías da información e as comunicacións, en materia de ofimática.

Ademais, potenciarase a teleformación a través do Espazo Multimedia de aprendizaxe que en desde mediados de 2012 rexistrou máis de 25.000 accesos O obxectivo para 2013 é incrementar o número de cursos desta Aula de formación virtual que permite achegar a alfabetización dixital e a formación multimedia e audiovisual a un maior número de usuarios.

A Xunta prorroga o convenio da Rede para 2013
O Consello da Xunta aprobou onte a prórroga para 2013 do convenio aos concellos adheridos a Rede CeMIT para o 2013. Este acordo subscrito en 2011 estipula as condicións que rexen a colaboración entre a Administración autonómica e os concellos que son os que deciden sumarse a Rede e a súa continuidade na mesma.

A Rede Cemit, está integrada por 98 aulas presentes en 92 concellos e 53 comarcas O obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

O contido do Plan de Formación e a carta de servizos están dispoñibles na web http://cemit.xunta.es, que recibiu máis de 300.000 visitas en 2012 e desde a que os usuarios poden xestionar a súa vida académica na Rede (matriculación en cursos, demanda dos mesmos, recomendacións...).