Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A porcentaxe de galegos de 55 a 64 anos que emprega Internet increméntase do 30% ao 50% en catro anos

O uso de internet entre os maiores de 65 a 74 tamén pasa do 12% ao 21%
O tamaño do hábitat é determinante no uso das TIC en ambos tramos de idade
Nos núcleos máis de 50.000 as persoas de 55 a 64 anos que usan internet supoñen máis do dobre que as que viven en núcleos de menos de 5.000
Os maiores de 65 a 74 que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes quintuplican no uso da Rede aos dos núcleos con menos de 5.000 habitantes
En 2016 a Rede CeMIT da Xunta organizou máis de 280 cursos e 4.200 horas de actividades formativas dedicadas a persoas maiores e conta con máis de 15.000 usuarios maiores de 55 anos

O  50% dos galegos con idades comprendidas entre os 55 e os 64 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, fronte a un 29,4% que afirmaron utilizalo no ano 2012. No tramo de idade dos 65 aos 74 anos o uso de internet tamén crece e sitúase no 21%. Son datos que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dentro do estudo “Os Maiores e as TIC”.

Neste informe afóndase na incidencia de factores sociodemográficos no uso das tecnoloxías entre os maiores. O tamaño do hábitat resulta determinante no uso de Internet en ambos tramos de idade. Así, nos núcleos máis de 50.000 as persoas de 55 a 64 anos que usan internet supoñen máis do dobre que as que viven en núcleos de menos de 5.000 (64,4% fronte ao 30,1%). No caso dos maiores de 65 a 74 anos, os que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes quintuplican no uso da Rede aos que viven en núcleos con menos de 5.000 persoas (37% fronte ao 7,4%).

As TIC avanzan a bo ritmo entre os maiores

Esta panorámica xeral observada no uso de Internet reprodúcese tamén no uso do ordenador. A utilización de ordenador increméntase entre os maiores, especialmente entre os que teñen de 55 a 64 anos, que se aproxima ao 48%. Cabe destacar que o incremento no uso do ordenador entre os 55 e 74 anos nos catro últimos anos (11,3 puntos) supera ao ritmo de crecemento do conxunto da poboación (7,1 puntos).

O tamaño do hábitat incide tamén claramente no uso do ordenador entre os maiores, incrementándose o uso do ordenador a medida que o fai o tamaño do concello con valores moi similares aos rexistrados no uso de Internet. O 64,6% das persoas de entre 55 e 64 anos que viven en concellos de máis de 50.000 habitantes usan internet fronte ao 29,9% dos que viven en núcleos de menos de 5.000 habitantes. No caso dos maiores de 65 a 74 anos, estas porcentaxes son do 35,9% en municipios de máis de 50.000 persoas e do 8% no de menos de 5.000.

O nivel de ingresos incide directamente sobre o uso de ordenador entre os maiores de forma significativa, de modo que a medida que medran os ingresos, increméntase o uso do ordenador.

Compras online e uso da eAdministración

En relación ás compras a través de Internet, tanto a media estatal como a galega rexistran porcentaxes baixas, especialmente entre os maiores de 64 a 75 anos.

Tan só un 7,9% dos galegos de 55 a 74 anos realizou compras a través de Internet nos últimos tres meses. As compras online aumentaron no último ano en todos os rangos de idade, concretamente en 2,8 puntos porcentuais no caso das persoas con 55 e 64 anos, e 0,9 puntos porcentuais nas idades comprendidas entre os 65 e 74 anos.

Non obstante, máis da metade (54%) dos internautas de 55 a 74 anos empregou Internet para relacionarse coas administracións públicas e nos concellos con máis de 20.000 habitantes, a porcentaxe de internautas de 55 a 64 anos que interacciona coas Administracións Públicas supera xa o 60%.

Capacitación dixital pública e gratuíta

A Xunta ten en marcha o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 para facilitar capacitación dixital a todos os galegos, independentemente do nivel de coñecemento que posúan. Un dos instrumentos deste Plan é a Rede de aulas públicas CeMIT que, desde a súa posta en marcha en 2011, vén traballando para achegar as TIC ás persoas maiores. Actualmente, a Rede conta con máis de 15.000 usuarios maiores de 55 anos, principalmente das zonas rurais de Galicia.

Só en 2016 realizáronse nas aulas CeMIT máis de 280 cursos e máis de 4.200 horas de formación específicas para este colectivo. Ademais, lanzáronse actividades formativas coma os 55 cursos prácticos “Aprende a usar o teu smartphone”, nos que participaron  máis de 500 persoas maiores, unha actividade que acaba de abrir unha nova edición en 2017.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio:  www.osimga.org