A nova web da Amtega potencia o acceso de cidadáns e empresas aos servizos dixitais

Luns 07 de Novembro de 2016

A nova web da Amtega potencia o acceso de cidadáns e empresas aos servizos dixitais

Incorpora un buscador e estrutura a información en tres grandes apartados
A principal novidade é o espazo As TIC para TI, que facilita información dos servizos e recursos dixitais dispoñibles por bloques temáticos a calquera usuario
O apartado Amtega concentra os aspectos de transparencia administrativa da Axencia
O espazo ADG, orientado ao sector TIC, ofrece información vinculada ás iniciativas da Axenda Dixital de Galicia2020

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de renovar a súa web co obxectivo de facilitar e potenciar o acceso aos servizos dixitais da Xunta a cidadáns e empresas, estruturando a información en función dos perfiles dos usuarios. Así, amtega.xunta.gal dispón de tres bloques temáticos; Amtega, ADG e As TIC para TI.

O apartado Amtega, recolle a información de carácter administrativo, organizativo e normativo vinculada a a este departamento autonómico. O espazo ADG, orientado á perfiles profesionais vinculados ao sector tecnolóxico dá conta dos plans e programas que se están a desenvolver a través da Axenda Dixital de Galicia 2020, seguindo o esquema da Axenda, 5 liñas de actuación e 20 desafíos. As TIC para TI, é unha sección pensada para que calquera cidadán, independentemente do seus coñecementos tecnolóxicos, poida acceder dun xeito sinxelo aos principais servizos e iniciativas TIC que ten á súa disposición.

As TIC para TI

O usuario que acceda a As TIC para TI atopará seis bloques temáticos que, nunha linguaxe próxima e sinxela, aglutinan os principais recursos, servizos e medidas para formarse en TIC, dixitalizar a súa empresa, xestionar online, gozar do tempo de ocio, informarse sobre os recursos online para emprego ou a saúde.

Este espazo ofrece tamén o acceso directo aos servizos online máis destacados como a sede electrónica da Xunta, a sede electrónica xudicial, o Chave 365, o Mapa TIC, Notifica, ou os catálogos de aplicacións e de Open Data da Xunta.

Ademais, As TIC para TIC dedica un apartado destacado a contar a actualidade tecnolóxica dun xeito ameno cun acceso directo ao blog Xente Dixital e ás conversas do Twitter e do Facebook da Amtega. Un mapa que xeolocaliza os principais centros de servizos TIC da Xunta completa o apartado As TIC para TI.

Buscador e iniciativas destacadas

O redeseño de amtega.xunta.gal outórgalle maior protagonismo ao buscador na portada, acorde coas tendencias actuais e como xa se fixo noutros portais da administración autonómica, cunha boa acollida por parte dos usuarios, que incrementaron o número de buscas.

Os grandes proxectos en marcha están destacados na portada e un carrusel facilita o acceso ás iniciativas máis destacadas. As noticias e os eventos seguen ocupando un lugar destacado na web, que ofrece dous novos apartados, “o máis visto” e “info rápida” para saber que noticias están a xerar máis interese ou que últimas convocatorias se acaban de abrir e que novos servizos se veñen de poñer en marcha.

Deseño responsive

A renovación da web incorpora un deseño “responsive” adaptado para o seu uso desde dispositivos móbiles, xa sexan teléfonos ou tabletas. Garántese así un acceso máis universal aos contidos desde calquera tipo de dispositivo, acorde co impulso dos servizos web en mobilidade a adaptación das webs a esta demanda para proporcionar unha navegación máis accesible, cómoda e satisfactoria para os usuarios.