A exposición itinerante ‘Galiciadixital’ achega por primeira vez as novas tecnoloxías aos hospitais

Martes 12 de Xaneiro de 2010

A exposición itinerante ‘Galiciadixital’ achega por primeira vez as novas tecnoloxías aos hospitais

A mostra foi inaugurada hoxe polo secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, a directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Nieves Domínguez, e a concelleira de Servizos Xerais, Luisa María Zarzuela, ademais doutras autoridades e colectivos locais.

A mostra Galiciadixital comeza a súa andadura polos complexos hospitalarios galegos na súa primeira saída do ano. Así, o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, acompañado pola directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Nieves Domínguez, e pola concelleira de Servizos Xerais, Luisa María Zarzuela, inauguraron hoxe a mostra no Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, onde poderá visitarse ata o vindeiro 17 de xaneiro.

A exposición, organizada pola Secretaría Xeral de Medios, en colaboración coa Consellería de Sanidade, poderá visitarse gratuitamente en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Durante o acto, Cabaleiro destacou que “se trata da primeira vez que, seguindo a idea do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, Galiciadixital visita un Complexo Hospitalario” e que “está previsto que continúe a súa andadura polos complexos hospitalarios galegos ao longo de todo o ano”. Na súa intervención o secretario xeral de Medios aproveitou tamén para agradecer a súa predisposición e colaboración á Consellería de Sanidade.

A través desta exposición a Secretaría Xeral de Medios pretende amosar aos galegos e galegas de todas as idades o audiovisual e os multimedia realizados por empresas e universidades galegas. Galiciadixital ofrece unha experiencia interactiva distinta á dos museos convencionais, pensada para que os visitantes non sexan simples espectadores, senón que participen en todo o seu percorrido achegando así os avances en tecnoloxías multimedia e audiovisuais producidas en Galicia á cidadanía desde localidades preto da súa residencia.

Contidos da exposición itinerante
O visitante somérxese nun mundo dixital a través de proxeccións e xogos en 3 dimensións como por exemplo as “Cidades do Camiño”, visualización de imaxes panorámicas de 360º nunhas pantallas que colgan do teito, onde cada usuario pode realizar paseos virtuais xirando a pantalla coas súas máns por aquelas cidades por onde discorren os diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

“Axóuxere” é un canciño robotizado que fala galego e interactúa coa xente. En modo automático o can atende a comandos de voz para que xogue coa súa pelota. E así ata oito contidos diferentes que permiten ao visitante gozar dunha experiencia nova e divertida.

“Aerodeslizadores por Compostela” é un xogo que consiste nun descenso pola zona histórica dunha cidade galega virtual, nun futurista “aerodeslizador”. Nesta carreira enfróntanse dous xogadores subidos nos seus correspondentes “aerodeslizadores”. Cada xogador moverá a súa táboa mirando ás opcións correspondentes para alcanzar a máxima velocidade e así gañar a carreira.

Outros cinco contidos máis completan a exposición que estará no salón de actos do Hospital Xeral de Lugo do 12 ao 17 de xaneiro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A entrada é de balde e para todos os públicos.