A Consellería de Sanidade adxudica o subproxecto Fogar Dixital, dentro da iniciativa Innovasaúde

Martes 22 de Xullo de 2014

A Consellería de Sanidade adxudica o subproxecto Fogar Dixital, dentro da iniciativa Innovasaúde

Posibilitará dispor dunha canle bidireccional de comunicación entre o servizo de saúde e o paciente

Permitirá solicitar datos das constantes dos doentes (presión arterial, temperatura, peso, pulso, glicosa, etc.) para revisar o seu estado de saúde

A Consellería de Sanidade vén de adxudicar o subproxecto Fogar Dixital –enmarcado na iniciativa InnovaSaúde- á UTE formada por Indra Sistemas S.A. e Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España S.A.

Este subproxecto permitirá crear unha canle de acceso aos servizos sanitarios para os pacientes e os seus coidadores. Ten por obxectivo desenvolver produtos e servizos innovadores, dispositivos e sistemas de información intelixentes que soporten a comunicación de información sanitaria orientada á vixilancia e seguimento de patoloxías, especialmente de carácter crónico, pero tamén á prevención e promoción da saúde.

Neste sentido, o sistema que se desenvolverá posibilitará dispor dunha canle bidireccional de comunicación entre o servizo de saúde e o paciente para enviar a este os recordatorios de autocoidados e boas prácticas que debe seguir para o coidado da súa enfermidade. Tamén permitirá solicitar datos das súas constantes –presión arterial, temperatura, peso, pulso, glicosa, etc.- para que un servizo de seguimento revise e comprobe o seu estado de saúde.

Mellor seguimento dos pacientes
Polo tanto, a implantación desta iniciativa permitirá manter un mellor seguimento das condicións dos pacientes, reducindo os riscos de agudizacións que precisan ingresos hospitalarios de pacientes crónicos, ao establecer un maior control nos parámetros a monitorizar, e detectar de forma precoz posibles alteracións que requiran modificacións no tratamento das patoloxías.

Ademais, poderase reutilizar de forma óptima o tempo dos profesionais sanitarios que poden manter o seguimento dos pacientes sen necesidade de programar consultas presenciais de revisión requiridas polo amplo colectivo de pacientes crónicos; a integración da información na historia clínica prevista no sistema permite establecer entornos colaborativos nos que toda a información sobre o paciente está disposición dos profesionais sanitarios de forma rápida e precisa.

O proxecto InnovaSaúde, no que se enmarca Fogar Dixital, consta de 14 subproxectos de innovación que teñen por obxectivo xerar solucións para novos modelos de atención sanitaria cada vez máis centrados no paciente e nas súas necesidades.