A Amtega presenta o programa formativo AceleraTIC+ para impulsar a transformación dixital das pemes galegas

Luns 27 de Marzo de 2017

A Amtega presenta o programa formativo AceleraTIC+ para impulsar a transformación dixital das pemes galegas

Será o 4 de abril na Cidade da Cultura nunha xornada sobre como o ecosistema dixital transforma os modelos de negocio
Expertos na materia e directivos de pemes galegas compartirán a súa experiencia no camiño cara a dixitalización
A Axencia autonómica pon de novo en marcha esta iniciativa tras o éxito dunha primeira edición en 2016
O prazo de inscrición no programa formativo abrirase o mesmo día da xornada e permanecerá aberto ata o 24 de abril

Tras o éxito do Programa “AceleraTIC, pensa en futuro, actúa en dixital”, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon en marcha, en colaboración coa Escola de Negocios Afundación, o Programa AceleraTIC+, que se presentará o vindeiro 4 de abril na Cidade da Cultura nunha xornada que leva por título “Como o ecosistema dixital transforma os modelos de negocio?” (https://cdtic.xunta.gal/aceleraticp).

Este programa, que naceu para facilitar a transformación dixital das pemes galegas, intégrase nas actividades do Centro Demostrador TIC da Amtega e abranguerá diferentes xornadas formativas e prácticas que se desenvolverán nos vindeiros meses.

As persoas interesadas en participar no programa formativo AceleraTIC+ poderanse inscribir durante a xornada ou a través da web do CDTIC (cdtic.xunta.gal) desde o 4 ao 24 de abril ás 18h.

Relatorios de expertos e experiencias de directivos de pemes

Na xornada de presentación do AceleraTIC+, dirixida a directores xerais, xerentes ou propietarios de empresas, participarán especialistas na materia e persoal directivo de empresas galegas de referencia no uso das tecnoloxías como motor do cambio e na transformación dixital nos seus sectores.

O programa da xornada inclúe unha conferencia a cargo de Pablo Echanove, experto en comercio electrónico e marketing dixital, titulada “Transformación dixital: como o ecosistema dixital transforma os modelos de negocio”. Así mesmo, haberá unha mesa de debate sobre experiencias de transformación dixital, na que pemes e micropemes debaterán sobre cuestións como as modificacións dos procesos das empresas e os seus modelos de negocio provocadas polo ecosistema dixital; as vantaxes deste tipo de ferramentas para poder chegar a máis clientes; os problemas dos procesos de innovación e transformación dixital; ou ampliación de mercados aos que se pode chegar grazas aos cambios destas tecnoloxías. 

Programa Formativo AceleraTIC+

AceleraTIC+ é un programa de apoio ás pemes galegas na súa transformación dixital. A través de 6 sesións formativas, que se desenvolverán en maio e xuño, os participantes afondarán nos temas claves e as principais novidades no ámbito dixital de utilidade para os seus negocios: aplicacións do big data, AppEconomy, Internet das Cousas; analizarase o perfil dixital dos presentes e futuros clientes, os novos canles de comunicación e venda, estratexias para o posicionamento da marca en internet, claves para liderar cambios na cultura e modelo organizativo derivados da transformación dixital, etc.

Neste ano 2017, o programa presenta como novidade que os participantes recibirán unha titorización e asesoría personalizada para optimizar o aproveitamento dos coñecementos adquiridos durante as sesións e adaptalos as necesidades particulares do seu negocio.

Igualmente, AceleraTIC+ propicia un entorno onde directivos, xerentes e mesmo emprendedores de sectores de actividades moi diferentes, comparten ao longo das 6 sesións inquietudes, experiencias, problemas e solucións no ámbito da dixitalización, converténdose nun marco idóneo para o establecemento de sinerxias e colaboracións.

En definitiva, o programa AceleraTIC+ promove así a creación dun perfil directivo que considere os recursos dixitais dende un punto de vista estratéxico, é dicir, que entenda o valor que achegan as tecnoloxías ao negocio e impulse os cambios necesarios na empresa para unha verdadeira transformación dixital.

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda do resto dos sectores empresariais galegos.

O obxectivo principal do CDTIC é amosar e demostrarlles ás empresas e aos profesionais os beneficios que as TIC poden ofrecerlle ao seu negocio. Para conseguilo o CDTIC pon a disposición do sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos e servizos.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciado con fondos Feder.