Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A Amtega, en colaboración coa FEGAMP e o Consello Superior de Letrados de Comunidades Autónomas, celebra o 23 e 24 de marzo o II Encontro sobre Administración Electrónica

Representantes da Administración xeral, autonómica e local analizarán os retos que supón o novo marco normativo neste ámbito
As xornadas contarán cun showroom de servizos dixitais no que os asistentes poderán coñecer as últimas solucións que as Administracións teñen á súa disposición
Xa se pode formalizar a inscrición a través dos portais da Amtega e de Eido Local

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e co Consello Superior de Letrados e avogados de Comunidades Autónomas, celebran os días 23 e 24 de marzo, na Cidade da Cultura, o II Encontro de Cooperación para o Desenvolvemento da Administración Electrónica: "Un compromiso conxunto cara aos cidadáns".

O Encontro enmárcase dentro das actuacións do Plan de Goberno Dixital 2020 que vén desenvolvendo a Xunta para consolidar unha Administración Dixital e avanzar na coordinación entre as entidades locais, autonómica e estatal para conseguir unha carteira de servizos dixitais de calidade, eficientes e seguros.

Durante dous días poranse en común, a través dunha charla coloquio e sete mesas de debate,  diferentes aspectos derivados do impacto do novo marco normativo en materia de Administración Electrónica (leis 39/2015 e 40/2015) no funcionamento das Administracións Públicas, así como as liñas de colaboración entre as distintas administracións, que permitirán unificar esforzos no desenvolvemento da Administración Electrónica. O Encontro permitirá, ademais, establecer un foro no que debater temáticas de interese común e actualidade no eido da Administración Pública.

Espazo de exposición

Ademais das mesas de debate, as Xornadas contarán un espazo para difundir os servizos dixitais que teñen a súa disposición os cidadáns. Nos diferentes stands, persoal da Amtega e das deputacións explicarán e poderán dar de alta en diferentes servizos aos interesados en incorporarse ao uso da Administración dixital.

Inscrición e programa

A inscrición, que é de balde, pode formalizarse a través do portal da Amtega (amtega.xunta.gal) e de Eido Local (www.eidolocal.gal), onde tamén está publicado o programa das xornadas. As xornadas están dirixidas a profesionais do sector público.