A Amtega e o CPETIG celebrarán este ano a VII Xornada de Informática Xudicial

Mércores 29 de Marzo de 2017

A Amtega e o CPETIG celebrarán este ano a VII Xornada de Informática Xudicial

Ambas entidades veñen de asinar un convenio de colaboración, que inclúe tamén a organización do I Congreso de Xestión de Proxectos de Software
O Colexio organizará, ademais, cursos formativos sobre seguridade informática e Scratch

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) colaborarán na celebración da VII Xornada de Informática Xudicial e Delitos informáticos, segundo se recolle no acordo asinado recentemente pola directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPETIG, Marcos Mata. O convenio contempla como novidade a celebración do I Congreso de Xestión de Proxectos de Software e a continuidade de accións formativas sobre Seguridade Informática e Scratch.

Informática xudicial e delitos informáticos

O acordo posibilitará a celebración da VII edición da Xornada de Informática Xudicial, un punto de encontro periódico que permite reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial.

Un ano máis, a Xornada porá á disposición dos profesionais do ámbito xudicial de Galicia (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais, etc.), relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como a presentación de casos concretos.

Tal e como vén ocorrendo nas anteriores edicións, estas Xornadas permitirán coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a evolución que están a seguir.

Congreso de Xestión de Proxectos de Software

Como novidade, no marco deste acordo terá lugar o vindeiro mes de maio #SilverBullet17, a primeira edición do Congreso de Xestión de Proxectos de Software, dirixido a profesionais responsables de proxecto, xefes de área, analistas ou estudantes de últimos cursos de Informática, ao obxecto de fomentar a adquisición de habilidades como a xestión de recursos humanos, a comunicación ou o liderado. A cita contará con relatores de referencia no sector.

Cursos sobre seguridade informática e Scratch

O convenio prevé tamén a celebración dun curso sobre seguridade informática e normativa, no que se abordará a auditoría do esquema nacional de seguridade, o novo regulamento europeo de protección de datos e o goberno, risco e cumprimento no relativo á seguridade da información.

O CPETIG tamén organizará o III Scratch Day, que nesta convocatoria incluirá a robótica como novidade, posibilitando que os escolares asistentes, de entre 7 e 15 anos, que deben ir acompañados polos seus pais ou nais, poidan programar accións sinxelas e asistir a demostracións prácticas de robótica.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia achegará ao Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia 34.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.