A Amtega e o CPEIG lanzan rapacinos.gal para difundir o uso seguro das tecnoloxía e as profesións dixitais entre os máis novos

Martes 03 de Xaneiro de 2017

A Amtega e o CPEIG lanzan rapacinos.gal para difundir o uso seguro das tecnoloxía e as profesións dixitais entre os máis novos

O espazo web completa o programa Rapaciñ@s, que este ano chegou xa á súa segunda edición
Inclúe un apartado dirixido a superar a fenda de xénero nas profesións TIC a través da divulgación do labor de mulleres na informática

A iniciativa “Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura”, impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para achegar as tecnoloxías da información a nenas e nenos, estrea unha nova web: www.rapacinos.gal e www.rapacinas.gal.

O novo espazo web, accesible a xente sen coñecementos técnicos, inclúe os seguintes contidos: personaxes fundamentais na historia da informática, 10 razóns para estudar informática, saídas profesionais, onde realizar os estudos, consellos de navegación segura e o xogo “A quen te pareces?”.

A quen te pareces?

Dentro de todos os apartados, cómpre destacar "A quen te pareces?", un xogo que difunde casos de éxito cuxo coñecemento busca fomentar a incorporación das mozas ás novas profesións dixitais e contribuír á desaparición da fenda de xénero existente no acceso aos estudos tecnolóxicos.

Deste xeito, céntrase na divulgación da vida de mulleres e homes que xogaron un papel destacado no desenvolvemento da informática e as ciencias da computación. Persoas dotadas de talento, imaxinación, capacidade de emprendemento e creatividade que fixeron achegas decisivas na creación de software, na ideación de Internet, na popularización das redes sociais, na creación de novas aplicacións, na procura de ferramentas dixitais máis libres e accesibles...

Houbo e hai avances, pero segue a imporse a idea que sitúa aos homes como creadores das innovacións dixitais e informáticas e as mulleres como usuarias. Corrixir esa desigualdade é moi importante e desde este espazo web búscase contribuír a isto difundindo o labor de creadoras tecnolóxicas, enxeñeiras e mulleres de empresa como Ada Lovelace, Margaret Hamilton, Marissa Mayer, Anita Borg, Ana María Prieto, Mitchell Baker, Ángela Ruiz, Radia Perlman ou Carol Shaw.

En “A quen te pareces?” —de acordo cunha serie de preferencias, gustos e valores— cada usuaria poderá identificar con que personaxe do mundo da informática ten máis cousas en común.

Segunda edición

O programa “Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura” no que se insire o novo espazo web percorreu xa durante dous anos toda Galicia con charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e obradoiros infantís. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas para que se divirtan e aprendan. Alén destas charlas, organizáronse diferentes eventos na Cidade da Cultura con obradoiros tecnolóxicos para os cativos e conferencias de expertos en novas tecnoloxías dirixidas a pais e nais.