A Amtega e o CPEIG abordarán nunha xornada as oportunidades laborais da transformación dixital e crearán unha wiki sobre a Historia da Informática de Galicia

Xoves 30 de Marzo de 2017

A Amtega e o CPEIG abordarán nunha xornada as oportunidades laborais da transformación dixital e crearán unha wiki sobre a Historia da Informática de Galicia

Son dúas iniciativas do convenio que veñen de asinar a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Mar Pereira, e o presidente do Colexio de Enxeñaría Informática de Galicia, Fernando Suárez
Xornadas divulgativas sobre tecnoloxía para nenos, pais e nais e formación en TIC para docentes e estudantes de Bacharelato completan as actuacións do acordo

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)  abordarán nunha xornada as oportunidades que ofrece a transformación dixital; crearán unha wiki sobre a Historia da Informática en Galicia; celebrarán un ciclo de xornadas sobre os perfís dixitais que xorden das novas tendencias tecnolóxicas e ofrecerán formación especializada en TIC para empregados públicos, estudantes e familias. Son as liñas de colaboración recollidas no convenio que veñen de asinar a directora da Amtega, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.

Transformación dixital a través do talento

O acordo posibilitará a celebración dunha Xornada sobre Transformación Dixital e Talento, que dará as claves do sector tecnolóxico, expoñendo as habilidades (tanto softskills como hardskills) demandadas e necesarias para achegar valor en todos os ámbitos da transformación dixital.

O evento será un punto de encontro para mozos e profesionais que buscan formarse nun dos sectores máis dinámicos da economía española e con máis saídas profesionais; tamén, para centros formativos que queren dar a coñecer a súa oferta educativa no ámbito da economía dixital; e para empresas que achegarán a súa experiencia en demanda de recursos humanos no sector TIC.

Creación dunha “wiki” sobre a Historia da Informática en Galicia

Ademais, no marco do convenio crearase unha wiki sobre a Historia da Informática de Galicia que recolla o testemuño de moitos dos protagonistas na Comunidade, así como con fotografías, vídeos e gravacións. O obxectivo é crear un espazo na rede que permita, non só o acceso do público aos contidos existentes, senón continuar a recoller información para que esta tarefa continúe “viva” ao longo dos próximos anos.

Os menores e as novas tecnoloxías

O acordo establece, tamén, a celebración de varias actividades no marco do programa “Rapaciñ@s” como unha xornada sobre os menores e as novas tecnoloxías, que combinará sesión informativa para pais e nais con actividades lúdicas para os máis pequenos.

Esta actividade complementarse con 20 charlas divulgativas nas principais cidades de Galicia orientadas ás dúbidas e preocupacións de pais e nais sobre a relación dos seus fillos coa Rede e orientalos sobre os beneficios e os riscos da tecnoloxía, recomendacións sobre o uso seguro dos diferentes dispositivos TIC, técnicas de control parental ou a que organismos poden acudir en caso de dúbida, entre outros aspectos.

Sesións divulgativas sobre as profesións tecnolóxicas

Ante a crecente demanda de profesionais preparados para a economía dixital, o CPEIG e a Amtega celebrarán cinco xornadas formativas en distintas localidades galegas, dirixidas a estudantes de Bacharelato e ás súas familias, sobre as saídas profesionais da Enxeñaría en Informática, poñendo en valor non só a demanda de profesionais existente neste campo, senón tamén as áreas de aplicación da tecnoloxía. Deste xeito, membros do colexio darán a súa visión sobre a profesión, as saídas laborais, os perfís profesionais e as perspectivas de futuro.

Formación a empregados públicos

Facilitar a adaptación dos empregados públicos ao novo contexto dixital é outra das liñas de actuación da Amtega dentro do Plan de Goberno e Administración dixital. Neste contexto o CPEIG impartirá seis cursos, eminentemente prácticos on-line e presenciais, nos que se formará aos traballadores en metodoloxías e técnicas que poidan achegar valor ao seu traballo diario. 

A Amtega achegará ao CPEIG un total 65.000 euros para o desenvolvemento das accións previstas no acordo.