A Amtega e a Universidade da Coruña traen a Galicia ao experto internacional en ciberseguridade, David Finn

Venres 15 de Marzo de 2019

A Amtega e a Universidade da Coruña traen a Galicia ao experto internacional en ciberseguridade, David Finn

• O director executivo da organización CleanApps.org impartirá unha conferencia o vindeiro 20 de marzo na Cidade da Cultura
• Doutor en dereito pola Universidade de Harvard, Finn foi federal na cidade de Nova York e un dos responsables da loita contra o cibercrime en Microsoft durante 16 anos
• A asistencia está aberta ao público en xeral e é de balde, previa inscrición na páxina web, na app do CDTIC ou a través de correo electrónico

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Universidade da Coruña colaboran para achegar a Galicia a un dos máximos expertos internacionais en materia de ciberseguridade, o estadounidense David FInn, actualmente director executivo da organización CleanApps.org,. O vindeiro 20 de marzo as 12 da mañá no Auditorio da Biblioteca da Cidade da Cultura, acollera o relatorio de Finn Who else can join the data privacy war on the side of consumers? It’s not who you think: Construíndo unha internet limpa e segura”

A xornada contará o historia de internet e a ciberseguridade, como naceron os problemas co malware e o fraude nas apps e cales son as perspectivas de futuro para afrontar eses problemas. Ao final da charla abrirase unha quenda de preguntas moderada polo catedrático J. Andrés Faíña, do Grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento (GCD). Esta actividade está dirixida a un público amplo, incluíndo persoal directivo de empresas, administracións públicas e representantes da sociedade civil, así como do ecosistema da innovación de Galicia.

O relatorio, que se impartirá en inglés con tradución simultánea, está aberto ao público en xeral é de balde pero con aforo limitado polo que é necesaria a inscrición previa na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/ciberseguridade) ou mediante a súa aplicación dispoñible nas plataformas Android e iOS, así como a través do correo electrónico cdtic@xunta.gal 
 

Sobre David Finn

David Finn é doutor en dereito pola Universidade de Harvard e experto en ciberseguridade,  foi fiscal federal na cidade de Nova York e estivo traballando durante 16 anos dirixindo equipos de loita contra o cibercrime en Microsoft. Actualmente, é director executivo  de CleanApps.org, unha organización que promove desenvolvemento responsable de apps, así como  a privacidade e seguridade dos consumidores.
 

O 21 de marzo na Coruña

O programa de David Finn en Galicia complétase con outro seminario sobre ciberseguridade, de carácter máis  técnico, que se celebrará na Coruña o día 21 de marzo, de 18:30 a 19:45 horas , baixo o titulo “A new approach to cleaning up the internet: and what cybersecurity companies, developers, and non-profit institutions must do to make it happen”. Este seminario está organizado polo Grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento (GCD) xunto ca Cátedra R en Ciberseguridade UDC-UVigo, a Cátedra "Luis Fernández Somoza" para a internacionalización dos estudos de economía e empresa da UDC e a Cátedra Jean Monnet de Economía Industrial Europea en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

O seminario terá  lugar na Facultade de Economía e Empresa, Campus de Elviña, A Coruña e terá prioridade para asistir o alumnado de doutoramento e dos mestrados de Innovación e Administración de Empresas, así como empresas e especialistas en ciberseguridade.
 

Centro Demostrador TIC

O CDTIC, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor chave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. Así, a través de distintos servizos e actividades, o CDTIC amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.