A Amtega aproba o plan de acción 2017 con 40 programas para avanzar na dixitalización dos servizos públicos, de sectores estratéxicos da economía e na extensión de redes ultrarrápidas na comunidade

Sábado 25 de Marzo de 2017

A Amtega aproba o plan de acción 2017 con 40 programas para avanzar na dixitalización dos servizos públicos, de sectores estratéxicos da economía e na extensión de redes ultrarrápidas na comunidade

Dixitalizaranse as 173 oficinas de rexistro dependentes da Administración autonómica
Ampliaranse os servizos do visor do Expediente Xudicial Electrónico e a rede de videoconferencias na sedes xudiciais galegas
No eido do Benestar impulsarase o uso da Historia Social Única Electrónica a todos os concellos en colaboración coa Fegamp
Avanzarse en dúas liñas do Programa Primare co desenvolvemento dunha plataforma de servizos dixitais para o eido agrícola e coa modernización das lonxas
Continuarase coas accións do Plan de Banda Larga 2020 para facilitar o acceso a redes ultrarrápidas en polígonos industriais e a empresas e autónomos do rural

O Plan de Acción 2017 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), establece 40 programas, dotados con preto de 83 millóns de euros para consolidar unha administración intelixente e eficiente, dixitalizar os sectores económicos chave de Galicia, impulsar o sector TIC e estender redes ultrarrápidas na Comunidade.
 
O Plan foi aprobado esta semana no Consello Reitor da Axencia, presidido polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez. Na xuntanza do máximo órgano da Amtega, a súa directora, Mar Pereira, destacou o grao de cumprimento do Plan 2016, que se situou en máis do 90%. Cómpre lembrar que a actividade da Axencia está sometida á avaliación por obxectivos no marco do contrato de xestión.
 
Respecto ás iniciativas previstas para 2017, Mar Pereira, destacou que este será o ano no que se avanzarán nos desafíos formulados na Axenda Dixital de Galicia, a estratexia tecnolóxica da Comunidade para o horizonte 2020.
 
Unha Administración e unha Xustiza Dixitais
 
En 2017 avanzarse nas medias contempladas no Plan de Goberno e Administración Dixital 2020 co deseño e posta en marcha dunha nova sede electrónica máis orientada ao cidadán, simplificación o seu uso e con servizos máis persoalizados. Tamén se ampliarán as súa funcionalidades habilitando, entre outras, a remisión electrónica de documentación. Prevese que, neste ano, as presentacións na sede electrónica superen as 100.000.
 
Dixitalizaranse 173 oficinas de rexistro, o que permitirá a conversión do documento en papel que entregan os cidadáns, en documento electrónico, e a súa xestión integramente electrónica.  Outra das actuacións que se desenvolverán este ano é a integración coa plataforma SIR, que permite o envío electrónico dos asentos rexistrais entre comunidades Abaa integración no Sistema de Interconexión de Rexistros.
 
Incrementaranse ata 45 os certificados dispoñibles  na plataforma  de intermediación de datos e documentos PasaXe!, no que en 2016 realizáronse máis de 2,6 millóns de consultas, prevendo acadar este ano os 3 millóns.
 
No eido xudicial integraranse novas funcionalidades do visor do Expediente Xudicial Electrónico, xa dispoñible para todos os órganos xudiciais, como avisos e alarmas. Tamén se estenderá o uso da sinatura dixital no funcionamento do órgano xudicial.
 
Incorporaranse novos colectivos, como forzas e corpos de seguridade, sanidade pública e privada,  a uso de  LEXNET nas súas comunicacións cos órganos xudiciais.  Ampliarase a rede de videconferencias con novos equipos e renovaranse preto de 1.000 postos de traballo tanto equipos de sobremesa como equipos en mobilidade.
 
Iniciativas para os principais sectores produtivos e a mellora de servizos estratéxicos
 
No eido turístico, impulsarase o portal Turespazo para a relación co sector turístico e e avanzarase tamén na coordinación con outras administracións de fóra de Galicia para a ampliación da información relativa aos trazados do Camiño de Santiago fóra da Comunidade autónoma.
 
No eido cultural, poranse en marcha novas liñas de actuación vinculadas á Memoria Dixital de Galicia, coa integración de novos fondos en Galiciana e a evolución dos sistemas de catalogación de recursos de arquivos, bibliotecas e museos.
 
No eido educativo, estenderase as aulas dixitais a todos os centros educativos de Primaria, ESO e Bacharelato no marco do proxecto Abalar e dotarase de redes de máis de 100Mbps a a 800 centros educativos públicos. Especial incidencia terán, igualmente, as accións de formación e inclusión dixital para a cidadanía, ampliando en máis dun 100% a oferta formativa inicialmente prevista na Rede CeMIT ata acadar as 250.000 horas de formación e os 65.000 usuarios
 
En canto aos servizos de Benestar, impulsarase, en colaboración coa FEGAMP, o uso da Historia Social Única Electrónica, á que xa se adheriron 70 concellos, aos municipios restantes mellorando funcionalidades e procedementos e avanzarase no modelo de Fogar Dixital.
 
Sectores Primarios
 
No sector Primario, avanzarase en dúas liñas do Programa Primare. No sector agrario, a través do desenvolvemento dunha plataforma de servizos de valor engadido tanto para os  agricultores como para a administración a través do uso de medios tecnolóxicos innovadores (drones, sensores, sistemas de intelixencia de negocio, ...) en ámbitos como os controis sobre o terreo, ou a evolución dos cultivos nas parcelas, ...; e no sector da pesca, cunha modernización dos procesos de xestión e comercialización nas lonxas de Galicia.
 
Redes ultrarrápidas
 
A ampliación do ancho de banda tanto na rede corporativa da Xunta como para todos os galegos serán outro dos obxectivos para 2017 no ámbito das telecomunicacións. En 2017 avanzarase na dotación de redes de ata 350Mbps nos 81 polígonos industriais previstos no Plan de Banda Larga 2020, unha actuación que se completa cunha convocatoria de axudas para empresas e autónomos das zonas máis illadas do rural xa publicada.
 
Impulso ao Sector TIC
 
En 2017 avanzarase a consolidación dun hipersector TIC con iniciativas como o Programa Transforma TIC para desenvolver actuacións, en colaboración co sector empresarial, universidades, centros tecnolóxicos, centros de investigación, colexios profesionais e o propio sector TIC. Tamén se abrirán novas convocatorias do Programa ReAcciona TIC, activado no 2016 en colaboración co Igape, para facilitar ás pemes servizos de empresa dixital e industria 4.0.
 
Darase continuidade ás iniciativas para contribuír á aceleración da innovación dixital en colaboración con axentes do sector TIC como o centro de emprendemento Galicia Open Future, posto en marcha en colaboración con Telefónica, ou o Connecting for Good Galicia, impulsado xunto con Vodafone.
 
Infraestruturas de Telecomunicación
 
Consolidarase o uso da Rede Dixital de Emerxencias e Seguridade de Galicia, que integra nun mesmo sistema a todos os colectivos que participan nas emerxencias, mellorando a súa coordinación e garantindo as comunicacións en situacións extremas ou de saturación.
 
A Xunta reforzou en 2016 as das infraestruturas de RESGAL, que ampliou o seu radio de acción en máis de 145.000 hectáreas, o que lle permite alcanzar o 90% do territorio e o 96,5% da poboación. Co obxectivo de incrementar as medidas para a prevención de incendios, Retegal e o Servizo de Prevención e Detección de Incendios Forestais desenvolverán ao longo do primeiro semestre do ano unha serie de iniciativas tecnolóxicas innovadoras no ámbito da videovixilancia e na aplicación de sistemas de monitoraxe e detección temperá de incendios zonas de alto risco.