Novas

Formulario de busca

Novas

Formulario de busca

A Amtega abre mañá o prazo de inscrición no curso para obter a certificación galega de competencias dixitais en ofimática

Ofértanse 180 prazas neste curso de teleformación, que comezará en setembro e rematará en novembro, mes no que terá lugar o exame presencial
Os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT
En outubro abriranse novas convocatorias de avaliación para aquelas persoas que xa posúan os coñecementos necesarios
O certificado, que emite a Amtega, acredita a capacitación en ofimática da persoa titular ante calquera instancia pública ou privada

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abre mañá xoves o prazo de inscrición para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Así se recolle na convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) con 180 prazas para o curso de teleformación preparatorio que comezará o día 4 de setembro e rematará o 26 de novembro, previo ao exame presencial que terá lugar na última semana dese mes de novembro.

Para acceder a este curso os únicos requisitos necesarios son ser maior de 16 anos e estar dado de alta como usuario da rede CeMIT. A inscrición realizarase a través de internet na web da rede CeMIT (https://cemit.xunta.gal), durante os cinco días hábiles desde o día  seguinte á publicación da convocatoria no DOG.

Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional das 180 persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas. As persoas admitidas deberán aboar posteriormente unha taxa de 10,10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.

O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.

Plan Formativo Ofimático de Galicia

Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:

  • Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
  • Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
  • Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)

Todos estes contidos están abertos e poden ser consultados libremente na plataforma de teleformación da rede CeMIT (https://cemit.xunta.es/ema), baixo a modalidade de autoformación.

Preto de 1.500 prazas convocadas para este ano  2017

Esta é a segunda convocatoria de teleformación titorizada do Plan de Formación da rede CeMIT 2017. Ademais, convócanse en marzo e outubro outras dúas convocatorias de exames presenciais  en marzo e outubro cun total de 1.000 prazas para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou que opten por formarse pola súa conta.

Dende a habilitación da rede CeMIT para a formación e avaliación dos contidos formativos do CODIX en maio de 2014, foron máis de 4.500 as prazas convocadas nas súas diferentes modalidades (1.570 en cursos de teleformación titorizada e 3.104 en probas presenciais de acceso libre) e máis de 2.100 as persoas que obtiveron a certificación emitida por parte da Amtega despois de superar as probas presenciais realizadas nas  aulas da rede CeMIT.

A estes datos hai que engadir as mais de 300  actividades e cursos en ofimática en software libre que veñen realizando as diferentes aulas de forma presencial durante o último ano como preparación orientada á presentación para estas probas libres, así como os 2.500 accesos aos contidos específicos do CODIX aloxados na plataforma de teleformación a través de internet  (http://cemit.xunta.es/ema) e abertos para ser consultados en calquera momento.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.