Organización

Formulario de busca

AMTEGA

Formulario de busca

Normativa de Creación

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira, autorizou a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia cando dispón que:

«1. Mediante esta lei autorízase a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que terá como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta no eido das tecnoloxías da información e comunicacións e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

2. Esta axencia, en concreto, asumirá os medios persoais e materiais e as competencias que na actualidade lle corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que se suprimirá no momento da creación daquela, sen que supoña incremento ningún de gasto público».

Co Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, procédese ao desenvolvemento da autorización antedita, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación.

Desde a procura da eficiencia na prestación dos servizos públicos e a convicción da importancia estratéxica das tecnoloxías da información e a comunicación como elemento de crecemento económico e desenvolvemento social, xorde a necesidade de constituír unha entidade única de xestión das tecnoloxías da información e comunicación (en diante TIC) de carácter público, adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que aglutine as competencias que na actualidade corresponden á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e que concentre os recursos humanos, materiais e orzamentarios asociados ás actuais estruturas TIC dispersas no sector público autonómico.

O modelo de entidade instrumental elixido, o de axencia, é sen dúbida o que mellor se adapta ás necesidades de eficacia e racionalización propostas, xa que permitirá xestionar as iniciativas e actuacións que sobre tecnoloxías da información se desenvolvan no sector público autonómico, así como proporcionar un novo modelo de xestión das TIC para a Administración autonómica máis eficaz e eficiente.

Os obxectivos básicos a que debe dar cumprimento a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acadaranse mediante a prosecución dos seguintes obxectivos específicos:

1. Favorecer a prestación dun modelo de servizos flexible e o principio de responsabilización pola xestión.

2. Optimizar o rendemento da entidade, demostrando que a austeridade non está rifada coa eficacia e a responsabilización por obxectivos.

3. Promover a participación e colaboración do ámbito privado, tanto empresarial como de entidades que dan soporte á innovación e ao desenvolvemento tecnolóxico.

4. Asegurar a posibilidade de participación das consellerías con iniciativas no ámbito tecnolóxico, para corresponsabilizar e aliñar esforzos de todo o Goberno e a administración da comunidade autónoma. Isto tradúcese principalmente na participación daquelas no futuro Consello Reitor da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

DECRETO 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Mode rnización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

DECRETO 149/2014, do 20 de novembro, polo que se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.