Estatuto

Estatuto

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica e obxecto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega) é unha axencia pública autonómica das reguladas pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo seu decreto de creación, polo presente estatuto e pola restante normativa que resulte de aplicación.

2. A Amtega ten personalidade xurídica diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía de xestión, dentro dos límites establecidos pola normativa vixente e por este estatuto.

3. A Amtega ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no ámbito das tecnoloxías da información e comunicacións, e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

4. Para os efectos previstos nos artigos 6 e 32 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, a Amtega ten a consideración de medio propio e servizos técnicos daqueles poderes adxudicadores para os cales realice a parte esencial da súa actividade cando estes exerzan sobre aquela un control análogo ao que poden exercer sobre os seus propios servizos. O réxime das encomendas ou encargas á Amtega será o definido nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Potestades administrativas

Corresponde á Amtega, dentro da esfera das súas competencias, o exercicio das potestades administrativas precisas para o cumprimento dos seus fins e funcións, nos termos establecidos no presente estatuto e de acordo coa lexislación aplicable.

Artigo 3. Adscrición

De conformidade co disposto na disposición adicional terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Amtega está adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, consonte o establecido no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Artigo 4. Funcións da consellería competente en materia de facenda e Administración pública

De conformidade co disposto no artigo 56 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, corresponderán á persoa titular da consellería competente en materia de facenda e Administración pública, baixo a dirección da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia, as seguintes competencias:

a) Elevar ao Consello da Xunta de Galicia os asuntos que deban someterse á súa aprobación, logo da súa preparación pola Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia.

b) Nomear os membros do Consello Reitor, nos termos que a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, prevé para a persoa titular da consellería de adscrición.

c) Proporlle ao Consello da Xunta o nomeamento e a separación da persoa titular da Dirección da Amtega.

d) Exercer o control e o seguimento da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o exercicio anterior.

e) Con carácter xeral, o exercicio das competencias que a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, lle atribúe á persoa titular da consellería de adscrición respecto da entidade pública instrumental adscrita.

Artigo 5. Sede

1. A Amtega ten a súa sede institucional en Santiago de Compostela.

2. A Axencia conta con departamentos provinciais da Área de Administración Dixital nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Artigo 6. Réxime xurídico

A Axencia axustará a súa actuación ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e ao resto do ordenamento xurídico. O seu réxime xurídico interno regularase polo dereito administrativo, e o réxime xurídico externo, polo dereito administrativo ou o dereito privado, segundo a normativa aplicable.

Artigo 7. Principios da actuación da Amtega

1. A Amtega implantará un modelo de xestión que equilibre os principios de autonomía e de control e que responda ao principio de responsabilidade polos resultados acadados, apoiándose no cumprimento de obxectivos claros, medibles e orientados cara á mellora na prestación do servizo, de forma que sirva mellor as persoas usuarias e a sociedade.

2. A Amtega orientará a prestación dos servizos da súa competencia cara á mellora da eficacia, a calidade e a produtividade mediante o uso das tecnoloxías da información avanzadas.

3. A Amtega respectará na súa actuación o principio de transparencia, garantíndolle á cidadanía a accesibilidade aos principais documentos de planificación e de avaliación da súa xestión.

Artigo 8. Resolucións administrativas

1. A Amtega ditará as resolucións necesarias para o exercicio das súas competencias, que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións da Presidencia da Amtega.

b) Resolucións do Consello Reitor.

c) Resolucións, instrucións e protocolos de actuación da Dirección da Amtega.

2. Os actos suxeitos ao dereito administrativo ditados polo Consello Reitor, pola persoa titular da Presidencia ou pola persoa titular da Dirección da Amtega no exercicio das súas competencias esgotan a vía administrativa.

CAPÍTULO II

Competencias

Artigo 9. Competencias

1. A Amtega, para o cumprimento dos seus obxectivos e obrigas, ten as competencias que emanan deste estatuto e das demais leis e regulamentos que resulten de aplicación.

2. A Amtega exerce as seguintes competencias e funcións:

a) A dirección e xestión de todas as actuacións da Xunta de Galicia en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións.

b) O impulso, asesoramento técnico e apoio á Presidencia e ao Consello da Xunta de Galicia, ás consellerías e a outras entidades do sector público autonómico en todo o referente ás tecnoloxías da información e as comunicacións, e a súa aplicación para a modernización, innovación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

c) A elaboración, desenvolvemento e execución da estratexia tecnolóxica global do sector público autonómico de Galicia.

d) A definición dos estándares e directrices tecnolóxicas a que deberán axustarse a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico.

e) A promoción da inclusión e execución do despregamento das TIC no ámbito da prestación dos servizos públicos.

f) Garantir o axeitado apoio á xestión tributaria e orzamentaria, así como ao sistema de información contable, de competencia da Xunta de Galicia.

g) O deseño e execución, en todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta de Galicia, dos proxectos de sistemas e tecnoloxías da información que dan soporte á súa operativa, incluíndo a planificación, deseño, xestión e operación das tecnoloxías e sistemas que garantan o funcionamento dunha Administración completamente dixital.

h) A xestión e coordinación, ben de forma autónoma, ben en colaboración cos órganos superiores da Administración xeral da Comunidade Autónoma e cos órganos de goberno das entidades públicas instrumentais, de instrumentos e actuacións de órganos con competencias en tecnoloxías da información e as comunicacións.

i) O fomento da colaboración e da acción coordinada entre administracións públicas en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións.

j) O deseño e liderado de iniciativas que contribúan a impulsar o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia e coordinación coas distintas consellerías e organismos para o desenvolvemento das actuacións nesta materia no ámbito das súas competencias, garantindo os dereitos da cidadanía e eliminando as barreiras que se opoñan á expansión e ao uso das novas tecnoloxías.

k) A planificación e proposta da normativa relativa ao exercicio das competencias en materia de sociedade da información e das telecomunicacións.

l) O impulso, xestión e coordinación da Administración dixital, como elemento indispensable para a modernización da Administración pública.

ll) A definición, consolidación e homoxeneización da infraestrutura TIC e dos servizos de telecomunicacións do sector público autonómico.

m) A dirección, xestión e modernización da infraestrutura TIC da Xunta de Galicia.

n) A planificación e ordenación do mapa de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia.

o) Sen prexuízo das competencias que, en materia de innovación, poidan corresponder a outras entidades integrantes do sector público autonómico, o fomento da innovación no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións en colaboración cos organismos e institucións competentes na materia.

p) A participación en órganos de colaboración deliberantes ou consultivos, en representación da Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de tecnoloxías da información e as comunicacións.

q) Todas as demais que deriven dos fins que ten atribuídos e aquelas que se lle sexan asignadas legal ou regulamentariamente.

Artigo 10. Ámbito subxectivo de actuación

O ámbito de actuación da Amtega comprende a totalidade do sector público autonómico de Galicia definido no artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro.

CAPÍTULO III

Instrumentos de xestión

Artigo 11. O contrato plurianual de xestión

1. A Amtega elaborará unha proposta de contrato plurianual de xestión co contido, dentro dos prazos previstos e baixo o procedemento establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, para a súa aprobación polo Consello Reitor e posterior elevación ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva no prazo de tres meses contados desde a súa presentación. A non aprobación no dito prazo comportará o mantemento da vixencia do contrato plurianual de xestión anterior.

2. A actuación da Amtega levarase a cabo de acordo cun plan de acción anual, baixo a vixencia e de acordo co pertinente contrato plurianual de xestión.

3. O contrato plurianual de xestión comprenderá, cando menos, os aspectos previstos no artigo 80 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 12. O plan de acción anual, o informe de actividade e as contas anuais

1. A persoa a cargo da Dirección da Amtega proporalle ao Consello Reitor para a súa aprobación, nas datas que estableza a normativa aplicable:

a) O plan de acción anual, sobre a base dos recursos dispoñibles.

b) O informe xeral de actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Os documentos a que se refire este artigo serán públicos, e a cidadanía terá acceso ao seu contido desde a súa aprobación.

3. Para garantir o libre acceso ao contido destes documentos, deberán ser publicados na sede electrónica da Amtega dentro dos 30 días seguintes ao da súa aprobación e editados en documentos para o efecto.

4. No primeiro trimestre de cada ano, a Amtega deberá remitir, a través do seu director/a, á consellería competente en materia de facenda e Administración pública o informe xeral de actividade, aprobado polo Consello Reitor, relativo ás funcións da Axencia e ao grao de cumprimento dos seus obxectivos durante o exercicio anterior.

CAPÍTULO IV

Estrutura

Artigo 13. Órganos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. Son órganos da Amtega os seguintes:

a) De goberno:

A Presidencia.

O Consello Reitor.

b) De goberno e executivo:

A Dirección.

c) Outros:

A Xerencia.

A Comisión de Control.

A Asesoría Xurídica.

As áreas.

Os departamentos.

2. A composición e a organización dos órganos da Amtega faranse procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

Artigo 14. Presidencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. A Presidencia da Amtega corresponderalle á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Correspóndelle á persoa titular da Presidencia da Amtega, sen prexuízo das delegacións que, se é o caso, poidan acordarse:

a) Exercer a máxima representación institucional da Amtega.

b) Exercer a presidencia do Consello Reitor presidindo as súas sesións, sen prexuízo do disposto no artigo 4 do decreto de creación da Amtega.

c) Subscribir con entidades públicas e privadas, en nome da Amtega, convenios de colaboración excluídos da lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da desconcentración establecida no artigo 5 do Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

3. A persoa titular da Presidencia poderá delegar aquelas funcións propias que xulgue oportunas e sexan susceptibles de delegación na persoa titular da Dirección.

Artigo 15. Consello Reitor

1. O Consello Reitor, órgano superior colexiado de goberno da Amtega, está composto por unha presidencia, unha vicepresidencia e as vogalías.

2. Correspóndelle a presidencia do Consello Reitor á persoa titular da Presidencia da Amtega.

3. Correspóndelle a vicepresidencia ao representante da consellería competente en materia de facenda e Administración pública.

4. Cada unha das restantes consellerías e a Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia estarán representadas no Consello Reitor por un/unha vogal.

5. A persoa titular da Dirección da Amtega é membro nato do Consello Reitor, e desempeña unha das súas vogalías.

6. A titularidade da Secretaría do Consello Reitor correspóndelle á persoa que este designe e nomee, de conformidade cos artigos 18.1 e 64.3.e) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

7. Os membros do Consello Reitor serán nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de facenda e Administración pública.

8. As sesións do Consello Reitor serán presididas pola persoa titular da Presidencia da Amtega, sen prexuízo do disposto no artigo 4 do decreto de creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A persoa que presida as sesións do Consello Reitor moderará o desenvolvemento dos debates e poderá suspendelos por causas xustificadas, así como dirimirá co seu voto os empates para os efectos da adopción de acordos, sen prexuízo das restantes facultades que, segundo o disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, resulten inherentes á dita presidencia.

9. Con invitación previa da Presidencia da Amtega, poderán asistir ás sesións do Consello Reitor, con voz e sen voto, outras persoas cualificadas ou institucións que, por razón da súa actividade ou coñecementos especializados, teñan relación relevante coas materias incluídas na orde do día. En concreto, a Federación Galega de Municipios e Provincias e o Consello Galego de Universidades poderán ser invitados a participar naquelas sesións en relación con aqueles asuntos da orde do día cuxa natureza aconselle a súa intervención.

10. O Consello Reitor reunirase en todas as ocasións que resulte necesario para o desenvolvemento das funcións da Amtega e, cando menos, unha vez ao ano.

11. O Consello Reitor aprobará o seu regulamento de funcionamento interno, no cal se fixará o réxime de sesións e de adopción de acordos, así como as funcións da Secretaría. Igualmente, pode aprobar a constitución de comisións ou grupos de traballo para materias e asuntos determinados, coa composición e funcións que este determine.

12. A pertenza ao Consello Reitor non xera dereitos laborais nin económicos.

Artigo 16. Funcións do Consello Reitor

Sen prexuízo da súa posible delegación, corresponderán ao Consello Reitor as seguintes funcións:

a) A dirección estratéxica, seguimento, supervisión e control superiores da actuación da Amtega e da xestión da persoa titular da Dirección.

b) Por proposta do titular da Dirección da Amtega, a aprobación do informe xeral anual da actividade desenvolvida pola Axencia, así como de cantos informes extraordinarios considere necesarios sobre a súa xestión, coa valoración dos resultados obtidos e a consignación das deficiencias observadas.

c) A aprobación do anteproxecto de orzamentos anuais e da contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites que teña fixados.

d) Por proposta do titular da Dirección da Amtega, a aprobación das contas anuais e, de ser o caso, a distribución do resultado do exercicio, conforme a lexislación de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) A aprobación da proposta de contrato plurianual de xestión ou da súa modificación.

f) Por proposta do titular da Dirección da Amtega, a aprobación do plan de acción de cada ano, sobre a base dos recursos dispoñibles.

g) Fixar a integración das áreas da Amtega.

h) As decisións que sobre a administración do patrimonio e bens da Amtega lle poidan corresponder de conformidade co establecido no ordenamento xurídico.

i) As decisións que lle poidan corresponder á Amtega en relación coas sociedades anónimas en que teña participación.

j) A proposta, cando así corresponda, do nomeamento e substitución dos membros dos órganos de goberno ou control das entidades instrumentais do sector público autonómico que puidesen ser creadas ou participadas pola Amtega.

k) Determinar os postos de traballo que poden ser ocupados por persoal directivo en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia dos labores asignados a eles.

l) Nomear e separar o persoal directivo da Axencia, por proposta do titular da Dirección da Amtega.

m) Establecer a periodicidade dos informes que debe elaborar a Comisión de Control.

n) Avaliar a información de xestión e financeira remitida pola Comisión de Control.

o) A supervisión dos instrumentos de planificación informática e das comunicacións nas distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes, así como a aprobación dos plans de actuación estratéxica que afecten dúas ou máis consellerías, a súa revisión e o control do seu cumprimento, así como dos programas de actuación anual que considere oportuno.

p) A proposta da declaración de hardware e software de uso uniforme e exclusivo en toda a Administración xeral e institucional da Comunidade Autónoma de Galicia.

q) Designación do equipo de traballo para a elaboración dos proxectos de cartas de servizos correspondentes a servizos públicos competencia da Amtega.

r) As demais que deriven da normativa que resulte de aplicación.

Artigo 17. Dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. A Dirección da Amtega configúrase como órgano de goberno e executivo desta. Baixo a súa responsabilidade exerceranse as competencias da Amtega e alcanzaranse os obxectivos comprometidos.

2. A persoa titular da Dirección da Amtega é nomeada e separada mediante decreto do Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de facenda e Administración pública, e terá a consideración de alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia con rango de secretaria/o xeral.

3. A persoa titular da Dirección da Amtega é responsable da dirección e xestión ordinaria da Axencia e desenvolve as atribucións establecidas neste estatuto, nas leis e regulamentos aplicables, así como as que lle delegue a persoa titular da Presidencia da Amtega ou o Consello Reitor.

4. Correspóndenlle á persoa titular da Dirección, en particular, as seguintes funcións:

a) Propor, para a súa aprobación polo Consello Reitor, o plan de acción anual sobre a base dos recursos dispoñibles, o informe xeral de actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior e as contas anuais xunto co informe de auditoría de contas.

b) Elevar ao Consello Reitor propostas de desenvolvemento estatutario, no marco organizativo e de xestión económica e administrativa, dentro dos límites do presente estatuto e dos compromisos do contrato plurianual de xestión.

c) Emitir instrucións, circulares e demais instrumentos orientados á xestión ordinaria da Amtega.

d) A proposta da relación de postos de traballo da Amtega con suxeición ao disposto no artigo 58.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

e) Autorizar, de conformidade co artigo 83.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, as variacións orzamentarias.

f) Propor a autorización das variacións que afecten a contía global do orzamento, ou os gastos de persoal e de capital, nos termos establecidos no artigo 83.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

g) Acordar incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante da Dirección Xeral de Orzamentos, que se pronunciará respecto dos seus efectos sobre a estabilidade orzamentaria. Do dito acordo darase conta á Comisión de Control.

h) Informar, dentro do primeiro trimestre de cada ano, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Consellería de Facenda e Administración Pública acerca da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o exercicio anterior.

i) Proporlle ao Consello Reitor unha persoa candidata para ocupar a Xerencia da Amtega, así como propor o seu cesamento.

j) Proporlle ao Consello Reitor o nomeamento e cesamento do persoal directivo da Amtega.

k) Calquera outra función que lle puidese ser delegada ou que derive do resto do ordenamento xurídico, así como calquera outra competencia da Axencia non encomendada a outro órgano dela.

Artigo 18. A Xerencia

1. A persoa que exerza a titularidade da Xerencia é elixida polo Consello Reitor, por proposta da Dirección da Amtega.

2. A Xerencia é o órgano ao cal lle corresponden as funcións xerenciais de xestión e administración. Para tal fin, é responsabilidade da Xerencia a administración dos servizos xerais da Amtega. Para ese efecto, dependen dela servizos ou unidades con competencias sobre:

a) Xestión económica e contratación, orzamentos, xestión patrimonial, contabilidade e contratación da Amtega.

b) Recursos humanos, incluíndo a xestión da relación de postos de traballo, o asesoramento ao Consello Reitor na fixación das retribucións e a condución de avaliacións periódicas de desempeño e cumprimento de obxectivos.

c) Funcións técnico-xurídicas, sen prexuízo do disposto no artigo 21 do presente estatuto.

d) Coordinación administrativa, mantemento e xestión de servizos comúns, e publicacións.

e) Avaliación e xestión da calidade dos aspectos internos do funcionamento da Amtega.

Artigo 19. A Comisión de Control

1. A Comisión de Control, baixo a dependencia orgánica do Consello Reitor, estará composta polos seguintes membros:

a) Unha persoa representante da consellería competente en materia de facenda, que exercerá a presidencia da Comisión.

b) Unha persoa representante da consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa.

c) Unha persoa representante da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia.

d) Unha persoa representante da Amtega.

2. Os membros da Comisión de Control serán designados polo Consello Reitor, por proposta das persoas titulares da/s consellería/s competente/s en materia de facenda e de avaliación e reforma administrativa, da Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia e da persoa titular da Dirección da Amtega, entre o persoal destas con rango mínimo de xefe/a de servizo.

3. En ningún caso os membros da Comisión de Control serán coincidentes cos membros do Consello Reitor.

4. Desempeñará a Secretaría da Comisión de Control a persoa que exerza a Secretaría do Consello Reitor.

5. O cargo na Comisión de Control non será retribuído.

Artigo 20. Funcións da Comisión de Control

1. Correspóndelle á Comisión de Control informar o Consello Reitor sobre a execución do contrato de xestión e, en xeral, sobre todos aqueles aspectos relativos á xestión económico-financeira que deba coñecer o propio Consello, para o cal deberá:

a) Elaborar para o Consello Reitor, coa periodicidade que este decida e polo menos semestralmente, informes sobre o desenvolvemento e execución do contrato de xestión.

b) Elaborar para o Consello Reitor, coa periodicidade que este decida e polo menos semestralmente, un informe específico sobre as funcións desenvolvidas na Área de servizos tecnolóxicos en materia tributaria, económico-financeira e contable.

c) Supervisar o procedemento e sistemas de elaboración da información de xestión e financeira que se someterá ao Consello Reitor.

d) Revisar as contas anuais que deben someterse ao Consello Reitor para a súa formulación de acordo coa normativa aplicable.

e) Verificar o cumprimento das normas e prazos, tanto relativas á rendición de contas anuais e demais información que deban render pola súa pertenza ao sector público, como as establecidas no contrato de xestión.

f) Vixiar o cumprimento das normas orzamentarias na elaboración do orzamento, así como na súa execución a través do control do estado de execución orzamentaria mensualmente remitido á Comisión de Control.

g) Emitir informe sobre as autorizacións de variacións orzamentarias emitidas polo director/a da Amtega.

h) Analizar todos os informes de control da xestión económico-financeira emitidos polos órganos de control externo e interno da Xunta de Galicia e proporlle ao Consello Reitor as estratexias encamiñadas a corrixir as debilidades que se poidan pór de manifesto.

i) Supervisar as memorias e informes da Xerencia, nas cales se relacione o grao de cumprimento de obxectivos cos sistemas de responsabilidade, carreira profesional e incentivos que deben levar asociados.

j) Formulación dun marco normalizado, sinxelo e claro de comunicación da información financeira e de xestión que periodicamente debe presentar ao Consello Reitor, para a avaliación periódica do nivel de cumprimento do contrato de xestión.

Artigo 21. Asesoría e asistencia xurídica

O asesoramento xurídico da Amtega corresponderalle á Asesoría Xurídica da Axencia.

A Asesoría Xurídica da Axencia estará integrada na Amtega, dependerá xerárquica e funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e rexerase polo disposto na Lei 4/2016, de 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público, e normativa de desenvolvemento. A Asesoría Xurídica da Axencia estará integrada por funcionarias/os do corpo superior da Administración da Xunta de Galicia, escala de letrados.

Para a representación e defensa en xuízo da Amtega formalizarase un convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia nos termos previstos na antedita normativa.

Artigo 22. Áreas

1. A Amtega estrutúrase en áreas, que terán carácter directivo, dependentes directamente da Dirección, regulada polo artigo 17 deste estatuto.

2. A estrutura das distintas áreas da Amtega responderá á correcta execución das competencias definidas no artigo 9 do presente estatuto.

Artigo 23. Estrutura orgánica da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. A estrutura orgánica da Amtega aséntase en criterios de austeridade, economía, racionalidade, eficacia e eficiencia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que se lle atribúen.

2. Para o exercicio das súas funcións, a Amtega contará cos seguintes órganos administrativos:

2.1. A Xerencia, á cal lle corresponden as funcións xerenciais de xestión e administración. Para tal fin, é responsabilidade da Xerencia a administración dos servizos xerais da Amtega.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, da Xerencia dependerán os seguintes órganos administrativos:

2.1.1. Vicexerencia de Xestión Económica e Contratación.

Son funcións da Vicexerencia de Xestión Económica e Contratación:

a) A coordinación, supervisión e o seguimento en materia dos fondos, por fontes de financiamento.

b) A coordinación, supervisión e o seguimento da contratación administrativa da Amtega.

c) A coordinación, supervisión e o seguimento en materia de xestión económica da execución dos orzamentos.

d) A supervisión dos obxectivos financeiros e de contratación.

e) O establecemento e seguimento dos plans de financiamento das diferentes iniciativas ou proxectos.

f) A elaboración e seguimento dos plans de contratación e relación cos provedores.

g) O establecemento dos procedementos que faciliten a operativa e a coordinación nas tarefas de xestión e administración da Axencia.

h) A posta en marcha dos mecanismos de xestión interna que optimicen os recursos de que dispón a Axencia para o cumprimento dos seus obxectivos.

i) O apoio e asistencia en temas relacionados co ámbito das competencias da Amtega e, en xeral, calquera outra función que lle sexa encomendada en razón da súa competencia pola Dirección ou pola Xerencia da Amtega.

2.1.2. Departamento Orzamentario.

Son funcións deste departamento:

a) A elaboración do borrador do anteproxecto de orzamentos da Amtega, o seu seguimento e control.

b) A tramitación e o seguimento das modificacións orzamentarias.

c) A execución da xestión orzamentaria, efectuando os trámites económico-administrativos dos expedientes de gastos e as propostas de pagamento.

d) A coordinación, supervisión e seguimento en materia de xestión económica da execución dos orzamentos.

e) O asesoramento económico e orzamentario a todas as unidades da Amtega.

f) A habilitación xeral de pagamentos da Amtega, agás o capítulo I.

g) A tramitación e xestión económica de convenios de colaboración e cooperación e das convocatorias de axudas en materia de fomento da sociedade da información e as telecomunicacións.

h) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección ou pola Xerencia da Amtega.

2.1.3. Departamento de Contratación.

Son funcións deste departamento:

a) A tramitación, xestión e seguimento económico-administrativo dos expedientes de contratación administrativa que sexan competencia da Amtega.

b) A coordinación, supervisión e o seguimento da contratación administrativa da Amtega.

c) A elaboración de estudos e informes en materia de contratación administrativa.

d) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección ou pola Xerencia da Amtega.

2.1.4. Departamento de Persoal.

Son funcións deste departamento:

a) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos da Amtega e o seguimento e control do rexistro de persoal.

b) A xestión do réxime interno da Amtega, rexistro, arquivo e información, control da asistencia e puntualidade, seguindo as indicacións da Dirección ou da Xerencia da Amtega.

c) A xestión dos plans de formación do persoal da Amtega.

d) A xestión de nóminas e habilitación de gastos do persoal da Amtega.

e) A programación das necesidades do persoal.

f) A elaboración do borrador da proposta da relación de postos de traballo.

g) A elaboración de estudos e informes en materia de reclamacións e recursos, así como a execución de sentenzas, en materia de persoal funcionario e laboral da Amtega.

h) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección ou pola Xerencia da Amtega.

2.1.5. Departamento Xurídico.

Son funcións deste departamento:

a) O estudo e a elaboración de borradores e anteproxectos de iniciativas normativas no ámbito de competencias da Amtega.

b) A asistencia e o apoio xurídico nas materias de competencia da Amtega, tanto nos proxectos de disposicións que elabore coma no estudo, tramitación e elaboración de propostas de resolución de recursos contra os actos ditados polos seus órganos, sempre que esta función non estea atribuída a outros órganos da Axencia.

c) A elaboración dos estudos e informes que lle sexan encomendados pola persoa titular da Dirección ou da Xerencia da Amtega.

d) O estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

e) A elaboración de convenios de colaboración e cooperación e das convocatorias de axudas en materia de fomento da sociedade da información e as telecomunicacións.

f) A asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección ou da Xerencia da Amtega.

g) A tramitación e elaboración das propostas de resolución de recursos en materia de persoal funcionario e laboral da Amtega.

h) Aqueloutras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas pola Dirección ou pola Xerencia da Amtega.

2.1.6. Departamento de Relacións institucionais.

Son funcións deste departamento:

a) A prestación de asistencia técnica e administrativa á Amtega en todos os asuntos que lle sexan encomendados, propondo as actuacións que considere necesarias para a coordinación, o réxime interno e o funcionamento dos servizos da Amtega.

b) O estudo, preparación e informe dos asuntos que teñan que ser levados aos diferentes órganos de goberno das tecnoloxías da información e a comunicación e o traslado dos seus acordos.

c) A tramitación de borradores e anteproxectos de iniciativas normativas no ámbito de competencias da Amtega.

d) A tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Amtega polos xulgados e tribunais, polo Defensor do Pobo, polo Valedor do Pobo e por outros órganos e institucións.

e) A tramitación dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais.

f) A remisión ao Diario Oficial de Galicia e demais diarios e boletíns oficiais das disposicións ou actos da Amtega.

g) O mantemento do rexistro, arquivo e custodia das disposicións normativas emanadas da Amtega, así como levar a cabo as compilacións das ditas normas.

h) O apoio e asistencia en temas relacionados co ámbito das competencias da Amtega e, en xeral, calquera outra función que lle sexa encomendada en razón da súa competencia pola Dirección ou pola Xerencia da Amtega.

2.2. Área de Infraestruturas e Seguridade, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A planificación, implantación e xestión da infraestrutura de sistemas e software de base da Xunta de Galicia.

b) A planificación e coordinación da Rede de emerxencias e seguridade de Galicia, sen prexuízo das funcións atribuídas a Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.).

c) A planificación, implantación e xestión da infraestrutura de telecomunicacións da Rede corporativa de voz e datos da Xunta de Galicia.

d) A xestión da infraestrutura dos centros de proceso de datos da rede corporativa da Xunta de Galicia e establecemento das políticas de apoio destes centros.

e) A definición dos acordos de nivel de servizo da plataforma tecnolóxica e supervisión do seu cumprimento.

f) A definición de estándares, directrices e normas de seguridade e calidade tecnolóxicos aos cales deberán axustarse todos os órganos dependentes da Xunta de Galicia.

g) A definición de políticas, procedementos e instrucións de seguridade para o adecuado cumprimento da normativa en materia de protección de datos de carácter persoal.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Área de Infraestruturas e Seguridade contará cos seguintes órganos administrativos:

2.2.1. Departamento de Telecomunicacións Corporativas.

Son funcións deste departamento:

a) A planificación, implantación e xestión da Rede corporativa de voz e datos da Xunta de Galicia.

b) O mantemento e soporte permanente da infraestrutura de telecomunicacións: supervisión e monitorización da Rede corporativa de voz e datos da Xunta de Galicia, así como administración, instalación, configuración e explotación da infraestrutura de telecomunicacións.

c) A xestión do acceso corporativo á internet, da renovación e adquisición de dominios e xestión do acceso remoto á rede corporativa.

d) A supervisión e coordinación da infraestrutura de comunicacións, cablaxe e de acondicionamento informático de todos os centros da Xunta de Galicia.

e) A xestión da infraestrutura de telecomunicacións dos centros de proceso de datos da rede corporativa da Xunta de Galicia.

f) A evolución e optimización técnica da infraestrutura de telecomunicacións.

g) O mantemento integral dos centros de proceso de datos corporativos: infraestruturas eléctricas e electrónicas, climatización, sistemas de alimentación ininterrompida, control de accesos, sistemas contra incendios, videovixilancia, grupos electróxenos e demais equipamento propio deste tipo de centros.

h) A planificación, supervisión e xestión da Rede de emerxencias de Galicia.

i) A colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación na definición das directrices de planificación e xestión da Rede de ciencia e tecnoloxía de Galicia (Recetga).

j) A elaboración de propostas normativas e supervisión técnica no ámbito das telecomunicacións, así como a tramitación e emisión de informes.

k) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.2.2. Departamento de Sistemas.

Son funcións deste departamento:

a) A xestión da infraestrutura de sistemas dos centros de proceso de datos da Rede corporativa da Xunta de Galicia.

b) O establecemento das políticas e modelos de xestión das infraestruturas da Xunta de Galicia.

c) A planificación, implantación e xestión da plataforma tecnolóxica: servidores, sistemas de almacenamento e software de base da Xunta de Galicia.

d) O mantemento e soporte permanente da infraestrutura de sistemas: supervisión e monitorización da plataforma tecnolóxica, en colaboración co Departamento de Xestión de Operacións de TI, así como administración, instalación, configuración e explotación da infraestrutura de sistemas.

e) A evolución e optimización da plataforma hardware e software de base.

f) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.2.3. Departamento de Xestión de Operacións de TI.

Son funcións deste departamento:

a) A operación da infraestrutura da Área de Infraestruturas e Seguridade.

b) A monitorización e xestión de eventos da plataforma tecnolóxica, en colaboración co Departamento de Sistemas e co Departamento de Telecomunicacións.

c) O establecemento das políticas e modelos de operación das infraestruturas da Xunta de Galicia.

d) A interacción cos usuarios dos servizos da Área de infraestruturas para a xestión de accesos, xestión de incidentes, problemas e peticións de servizo.

e) A supervisión do cumprimento dos niveis de servizo da Área de Infraestruturas.

f) A xestión da infraestrutura de sistemas dos servizos vinculados directamente a usuarios finais.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.2.4. Departamento de Arquitectura de Aplicacións e Calidade.

Son funcións deste departamento:

a) O establecemento e supervisión da política de estándares e directrices tecnolóxicas da Xunta de Galicia, co obxecto de homoxeneizar o ámbito informático da Xunta de Galicia.

b) O establecemento das normas de calidade a que deberán axustarse todos os sistemas TIC dos órganos dependentes da Xunta de Galicia.

c) A xestión do procedemento de ciclo de vida para a adquisición e desenvolvemento dos sistemas de información e a revisión do correcto cumprimento deste.

d) A avaliación e aprobación das arquitecturas tecnolóxicas dos proxectos de sistemas de información.

e) A realización de auditorías necesarias para velar polo cumprimento dos estándares e metodoloxías corporativas.

f) A normalización de procedementos e estándares en xeral.

g) A mellora continua e optimización dos procedementos da Área de Infraestruturas e Telecomunicacións.

h) A coordinación do proceso de xestión da configuración.

i) O apoio en implantación e certificación de normas de calidade.

j) O establecemento e supervisión da aplicación de metodoloxías de xestión de proxectos adaptadas ás necesidades da organización.

k) A supervisión do cumprimento dos indicadores da Área de Infraestruturas.

l) A análise de custos e eficiencia dos proxectos TIC.

ll) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.2.5. Subárea de Seguridade.

Son funcións desta subárea:

a) A definición, dirección e xestión das políticas corporativas de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais da Administración da Comunidade Autónoma.

b) O deseño e realización de accións encamiñadas a garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais no ámbito da Administración da Comunidade Autónoma.

c) O establecemento das medidas necesarias para garantir o carácter reservado dos datos, informes ou antecedentes obtidos pola Administración tributaria no desempeño das súas funcións, a súa estanquidade, así como a seguridade informática das súas aplicacións e bases de datos propias.

d) A realización de auditorías no ámbito da seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais.

e) A planificación e coordinación das actuacións destinadas a promover a ciberseguridade en todos os ámbitos da actividade económica e social da Comunidade Autónoma.

f) A interlocución e coordinación cos distintos axentes no ámbito da seguridade.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Subárea de Seguridade contará co apoio do Departamento de Apoio na Xestión da Ciberseguridade.

2.2.5.1. Departamento de Apoio na Xestión da Ciberseguridade.

Son funcións deste departamento:

a) O apoio na execución das políticas corporativas de ciberseguridade.

b) O apoio na realización de accións encamiñadas a garantir o cumprimento da normativa vixente en materia de ciberseguridade.

c) O apoio na realización de auditorías técnicas de ciberseguridade.

d) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Subárea de Seguridade ou pola Dirección da Área de Infraestruturas e Seguridade.

2.3. Área de Administración dixital, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A planificación estratéxica, deseño, desenvolvemento dos sistemas e servizos para a posta en marcha e consolidación dunha Administración dixital, a presenza da Administración na internet e o sistema de información e servizos á cidadanía.

b) A planificación estratéxica, deseño, desenvolvemento do modelo de información e sistemas de información corporativos e de órganos de goberno.

c) A planificación estratéxica e deseño de marcos de referencia en materia de xestión do dato.

d) A planificación estratéxica, deseño, desenvolvemento, adquisición, mantemento e implantación dos sistemas de información de aplicación na Administración de xustiza en Galicia. Impulso da aplicación das novas tecnoloxías na Administración de xustiza en Galicia.

e) O deseño das políticas e procedementos de coordinación do uso dos sistemas de Administración electrónica e os sistemas do seu ámbito de actuación.

f) A promoción e impulso das reformas administrativas, cambios procedementais e regulamentarios, en coordinación coas unidades competentes, necesarias para a posta en marcha da Administración dixital e os sistemas do seu ámbito de actuación.

g) O deseño, planificación e xestión das actuacións de implantación, formación e soporte para a posta en marcha efectiva da Administración dixital e os sistemas do seu ámbito de actuación.

h) A promoción, regulación e coordinación da implantación da Administración dixital no ámbito da Administración pública, da súa relación coa cidadanía e da relación coas restantes administracións locais e estatais.

i) A interlocución e regulación de acordos con outras administracións ou órganos en relación co emprego dos sistemas de información corporativos da Xunta de Galicia ou a súa interconexión con estes.

j) A coordinación do nivel de servizo de carácter troncal.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Área de Administración Dixital contará cos seguintes órganos administrativos:

2.3.1. Departamento de Xustiza Dixital.

Son funcións deste departamento:

a) O deseño, desenvolvemento, adquisición, mantemento e implantación dos sistemas de información e elementos tecnolóxicos de aplicación na Administración de xustiza en Galicia.

b) A atención, soporte, formación e impulso da utilización dos sistemas e tecnoloxías da información na Administración de xustiza en Galicia.

c) A atención directa ás persoas usuarias dos órganos e sedes xudiciais e colectivos específicos.

d) A coordinación e interlocución tecnolóxica coas administracións ou autoridades competentes en materia de Administración de xustiza.

e) A elaboración de propostas procedementais, en coordinación coas unidades competentes, de utilización dos sistemas de información.

f) A interlocución técnica coas administración ou autoridades competente en materia de tecnoloxías da información na Administración de xustiza.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.3.2. Departamento de Interoperabilidade e Servizos Dixitais.

Son funcións deste departamento:

a) O impulso, xestión e coordinación das iniciativas da Administración dixital en todas as unidades administrativas.

b) A definición, planificación, xestión, adquisición e mantemento dos sistemas, ferramentas e compoñentes para a configuración da Administración dixital, sistemas e servizos á cidadanía.

c) A promoción das reformas administrativas, de procedementos e sistemas necesarios para a modernización da actividade administrativa da Xunta de Galicia, en coordinación coas unidades implicadas.

d) A proposta e implantación de sistemas para a prestación de servizos telemáticos nos ámbitos local e provincial, en coordinación coas administracións territoriais competentes.

e) A proposta, implantación e regulación da utilización das técnicas electrónicas, telemáticas e de automatización nas relacións da cidadanía coa Administración autonómica galega.

f) A definición das normas que deban seguir as entidades prestadoras dos servizos de certificación de sinatura dixital para o seu recoñecemento por parte da Xunta de Galicia.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.3.3. Departamento de Sistemas Corporativos.

Son funcións deste departamento:

a) O deseño, desenvolvemento, adquisición, mantemento dos sistemas de información e elementos tecnolóxicos de carácter corporativo ou transversal para o funcionamento da Administración.

b) O deseño, planificación e coordinación da implantación dos sistemas do seu ámbito de competencia.

c) A coordinación coas unidades funcionais implicadas nos sistemas de información.

d) A elaboración de propostas procedementais, en coordinación coas unidades competentes, de utilización dos sistemas de información do seu ámbito competencial.

e) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.3.4. Departamento de Medios e Capacitación Dixital.

Son funcións deste departamento:

a) Definir e establecer as normas, estándares e procedementos en actividades de soporte de aplicación e sistemas informáticos e asegurar o seu cumprimento para a obtención da calidade destes e da satisfacción das persoas usuarias, impulsando os procesos de certificación en normas de aseguramento da calidade.

b) A dirección e xestión do Centro Único de Atención a Usuarios e coordinación coas unidades de soporte especializadas.

c) A planificación e xestión das actuacións para a implantación efectiva da Administración dixital e os sistemas do seu ámbito competencial.

d) A elaboración e mantemento do catálogo de servizos ás persoas usuarias.

e) O deseño e coordinación dos plans formativos en materia de tecnoloxías da información e de boas prácticas no uso dos sistemas de información. Xestión dos programas de capacitación dixital do persoal empregado público, en coordinación cos órganos competentes en materia de formación.

f) O deseño, xestión e mantemento das políticas de configuración de posto de traballo e ferramentas de empregado público.

g) A dotación e supervisión da plataforma de posto de traballo e parque ofimático.

h) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.3.5. Departamento de Información e Xestión do Dato.

Son funcións deste departamento:

a) O establecemento das normas, metodoloxías e estándares de xestión e análise de datos que deben aplicar nos sistemas da Xunta de Galicia.

b) O deseño, desenvolvemento, adquisición, mantemento dos sistemas de información e elementos tecnolóxicos de carácter corporativo ou transversal para a xestión do modelo de información corporativo.

c) O impulso da aplicación de técnicas de emprego masivo de datos e analítica avanzada.

d) A realización das actividades necesarias para velar polo cumprimento das normas, estándares e metodoloxías do seu ámbito de actuación.

e) O desenvolvemento de servizos para a creación de espazos de compartición de información coa cidadanía e con outras administracións.

f) O establecemento dos procedementos de coordinación tecnolóxica cos departamentos especializados.

g) A xestión, coordinación, evolución da web institucional da Xunta de Galicia e a coordinación das redes de portais da Administración pública.

h) A elaboración e verificación das políticas web.

i) A xestión, coordinación, evolución da intranet corporativa e das plataformas colaborativas para o empregado público.

j) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.3.6. Departamentos provinciais da Área de Administración Dixital.

Son funcións destes departamentos:

a) Coordinar coa Dirección de Área todas as actuacións de xestión de aplicacións, medios TIC e xestión dos postos de traballo no seu ámbito de competencia.

b) Participar na coordinación e xestión das iniciativas de soporte de aplicacións e sistemas informáticos no seu ámbito de competencia.

c) Participar na xestión e supervisión da atención ao usuario e na xestión dos sistemas e plataformas de posto de traballo e parque ofimático.

d) Implantar no seu ámbito de actuación as normas, estándares e procedementos en actividades de soporte de aplicación e sistemas informáticos, e asegurar o seu cumprimento para a obtención da calidade destes e da satisfacción das persoas usuarias.

e) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.4. Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) O deseño e coordinación dos plans de sistemas dos departamentos da Administración pública.

b) A coordinación das actuacións das diferentes consellerías e organismos da Xunta de Galicia en materia de sistemas de información. Supervisión e seguimento dos plans operativos e actuacións concretas de cada consellería e organismos dependentes.

c) O asesoramento tecnolóxico ás consellerías da Administración pública.

d) O deseño, xestión e desenvolvemento dos sistemas sectoriais ou departamentais.

e) A elaboración das propostas normativas para o impulso das tecnoloxías de información nos contextos sectoriais da Administración pública galega.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais contará cos seguintes órganos administrativos:

2.4.1. Departamento de Coordinación Transversal.

Son funcións deste departamento:

a) A planificación, xestión e execución dos proxectos de sistemas de información sectoriais ou departamentais, nas áreas directamente integradas na Amtega.

b) O desenvolvemento dos modelos de integración entre os sistemas corporativos e os sectoriais ou departamentais.

c) A coordinación coas unidades de atención ás persoas usuarias dos sistemas xestionados.

d) A coordinación das actuacións das diferentes consellerías e organismos da Xunta de Galicia en materia de sistemas de información. Definición e supervisión de procedementos de xestión e coordinación dos sistemas de información nas distintas unidades da Xunta de Galicia.

e) A promoción da innovación tecnolóxica nos servizos públicos.

f) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.4.2. Xerentes de proxectos.

Son funcións xerais dos xerentes de proxectos a xestión, coordinación e execución dos proxectos informáticos en todo o ámbito da Xunta de Galicia. O número de xerentes de proxectos será variable, en función dos servizos e funcións que a Amtega deba prestar derivados da integración nela dos distintos recursos e servizos de tecnoloxías da información e comunicación das distintas consellerías e entidades públicas delas dependentes. As funcións dos xerentes de proxectos son:

a) A elaboración dos plans de necesidades sectoriais dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

b) O asesoramento e formación nas tecnoloxías.

c) A captación de peticións, suxestións e recomendacións das respectivas áreas funcionais.

d) O deseño, planificación e coordinación da implantación dos sistemas do seu ámbito de competencia.

e) A coordinación coas unidades funcionais implicadas nos sistemas de información.

f) A xestión das unidades de soporte especializado por ámbitos sectoriais.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.5. Área de Transformación Dixital da Facenda Autonómica, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A planificación, promoción, coordinación, asesoramento e xestión dos proxectos de tecnoloxías da información da Xunta de Galicia de natureza tributaria, contable, orzamentaria, económico-financeira e de contratación, e en xeral, os relacionados cos anteriores.

b) A análise, deseño, desenvolvemento e execución dos sistemas de información cando, en atención á súa natureza, así se lle requira.

c) A emisión de informes técnicos en materia informática e aqueloutros que se lle atribúan, relacionados coas actividades que lle son propias.

Para desenvolver as funcións que lle son encomendadas, a Área de Transformación Dixital da Facenda Autonómica contará cos seguintes órganos administrativos:

2.5.1. Departamento de Sistemas Tributarios.

Son funcións deste departamento:

a) A xestión, coordinación e execución dos sistemas de información no ámbito tributario.

b) A elaboración dos plans de necesidades no ámbito tributario dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

c) O asesoramento e formación nas tecnoloxías.

d) A captación de peticións, suxestións e recomendacións das respectivas áreas funcionais.

e) O deseño, planificación e coordinación da implantación dos sistemas do seu ámbito de actuación.

f) A coordinación coas unidades funcionais implicadas nos sistemas de información.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.5.2. Departamento de Sistemas de Nómina e Contratación.

Son funcións deste departamento:

a) A xestión, coordinación e execución dos sistemas de información no seu ámbito de actuación.

b) A elaboración dos plans de necesidades no ámbito dos sistemas de contratación e nómina do persoal empregado público das diferentes consellerías da Xunta de Galicia.

c) O asesoramento e formación nas tecnoloxías.

d) A captación de peticións, suxestións e recomendacións das respectivas áreas funcionais.

e) O deseño, planificación e coordinación da implantación dos sistemas do seu ámbito de actuación.

f) A coordinación coas unidades funcionais implicadas nos sistemas de información.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.5.3. Departamento de Sistemas de Xestión e Control Económico.

Son funcións deste departamento:

a) A xestión, coordinación e execución dos sistemas de información no ámbito contable e orzamentario.

b) A elaboración dos plans de necesidades no ámbito contable e orzamentario dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

c) O asesoramento e formación nas tecnoloxías.

d) A captación de peticións, suxestións e recomendacións das respectivas áreas funcionais.

e) O deseño, planificación e coordinación da implantación dos sistemas do seu ámbito de actuación.

f) A coordinación coas unidades funcionais implicadas nos sistemas de información.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.5.4. Departamento de Sistemas de Apoio á Toma de Decisións.

Son funcións deste departamento:

a) A xestión, coordinación e execución dos sistemas de información no ámbito da análise e explotación da información da consellería competente en materia de facenda e administracións públicas, así como no de intercambio de información con outras administracións.

b) A elaboración dos plans de necesidades no ámbito dos sistemas de apoio á toma de decisións e de intercambio de información con outras administracións da consellería competente en materia de facenda e Administración pública e dos organismos dependentes dela.

c) O asesoramento e formación nas tecnoloxías.

d) A captación de peticións, suxestións e recomendacións das respectivas áreas funcionais.

e) O deseño, planificación e coordinación da implantación dos sistemas do seu ámbito de actuación.

f) A coordinación coas unidades funcionais implicadas nos sistemas de información.

g) O apoio directo, de xeito exclusivo, aos órganos da consellería competente en materia de facenda e administracións públicas, especialmente na súa función de análise e explotación de información sensible e, en concreto, na elaboración e execución do plan anual de control tributario. Para isto existirá unha canle de comunicación directa entre a Axencia Tributaria de Galicia e os membros do departamento.

As tarefas de análise e explotación de información, especialmente a financeira e a tributaria, non poderán ser encargadas total ou parcialmente a terceiros, salvo autorización expresa dos responsables do seu tratamento.

2.5.5. Departamento de Coordinación e Calidade.

a) A planificación, xestión e coordinación dos proxectos de transformación dixital dos ámbitos sectoriais propios da área.

b) O desenvolvemento dos modelos de integración entre os sistemas corporativos e os sectoriais ou departamentais.

c) A coordinación coas unidades de atención ás persoas usuarias dos sistemas xestionados, así como co resto de áreas e departamentos transversais da Amtega.

d) A coordinación das actuacións das diferentes consellerías e organismos da Xunta de Galicia propias da área en materia de transformación dixital. Definición e supervisión de procedementos de xestión e coordinación dos sistemas de información nas distintas unidades da Xunta de Galicia.

e) A promoción da innovación tecnolóxica nos servizos públicos dos ámbitos da súa área.

f) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.6. Área de Sociedade Dixital, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A planificación relativa ás competencias da Amtega en materia da sociedade da información e o coñecemento e a súa coordinación cos programas estatais e internacionais.

b) A planificación e coordinación das actuacións e accións estratéxicas destinadas a promover a implantación das tecnoloxías dixitais en todos os ámbitos da actividade económica e social da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As propostas normativas relativas ao exercicio das competencias da Amtega en materia de sociedade da información.

d) O fomento e apoio de iniciativas e proxectos para a innovación tecnolóxica e o emprendemento en materia das tecnoloxías da información e comunicacións, en colaboración cos departamentos e institucións con competencias en innovación tecnolóxica.

e) Impulsar a adopción de tecnoloxías innovadoras que favorezan o desenvolvemento económico e social de Galicia, impulsando o crecemento do ecosistema dixital galego.

f) Promover accións, proxectos e programas tendentes a cohesionar territorial e socialmente Galicia mediante a eliminación da fenda dixital.

g) Planificar e coordinar, coa colaboración dos departamentos e institucións con competencias en programas de formación, programas destinados a elevar o coñecemento da cidadanía no uso das novas tecnoloxías, particularmente daqueles colectivos en risco de exclusión social.

h) Planificar e coordinar os proxectos e programas da Xunta de Galicia que teñan o obxecto de incrementar a empregabilidade grazas ao desenvolvemento das capacidades tecnolóxicas que derivan do uso das TIC.

i) Actuar como órgano de coordinación e participación de organismos, centros, entidades e institucións públicas e privadas en materia da sociedade da información, no ámbito competencial da Xunta de Galicia.

j) Promover, planificar e coordinar proxectos de innovación que conten co financiamento de fondos e transferencias doutras administracións e organismos, e que a Xunta de Galicia destine á promoción das actividades previstas nas liñas anteriores.

k) A planificación e coordinación das funcións atribuídas ao Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga).

l) A orientación estratéxica, avaliación e control dos resultados da actividade do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga).

m) A planificación de toda actividade de telecomunicacións tendente a garantir a integración de Galicia na sociedade da información, como un dos motores principais do desenvolvemento en Galicia.

n) A planificación e ordenación do mapa de telecomunicacións de Galicia.

ñ) A coordinación con outros departamentos da Axencia dos requirimentos técnicos para a universalización dos servizos de telecomunicacións na poboación galega.

o) O impulso da incorporación de infraestruturas de telecomunicacións de nova xeración, tractoras de novos servizos e posibilitadoras dun maior achegamento das persoas e organizacións á sociedade do coñecemento.

p) Proporlles aos órganos correspondentes da Amtega as regulacións e os mecanismos de intervención administrativa precisos para o mellor desenvolvemento do mercado galego das telecomunicacións.

q) O establecemento dos requirimentos técnicos en todo programa ou proxecto tendente á universalización dos servizos de telecomunicacións na poboación galega.

r) O establecemento de políticas de telecomunicacións para a Comunidade Autónoma de Galicia e a planificación e coordinación das funcións atribuídas a Redes de Telecomunicacións Galegas (Retegal, S.A.).

s) A coordinación cos diferentes organismos e institucións públicas ou privadas no ámbito das telecomunicacións.

t) O impulso ás novas infraestruturas e servizos de telecomunicacións.

Para o desenvolvemento das funcións que lle son encomendadas, a Área de Sociedade dixital contará cos seguintes órganos administrativos:

2.6.1. Departamento de Sociedade e Talento Dixital.

Son funcións deste departamento:

a) As propostas normativas relativas ao exercicio das competencias da Amtega en materia da sociedade da información e do coñecemento.

b) A planificación e desenvolvemento de actividades do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia.

c) A planificación, coordinación e xestión de proxectos para o fomento da sociedade da información na cidadanía.

d) A planificación, coordinación e xestión de proxectos para o fomento das tecnoloxías da información e comunicación nas empresas.

e) A planificación, coordinación e xestión de proxectos para promover accións de comunicación á cidadanía, co obxectivo de informar sobre a existencia de servizos dixitais e dar a coñecer os beneficios que comporta a súa utilización a nivel persoal, profesional e social.

f) A planificación, coordinación e xestión de accións formativas que fagan posible a inclusión dixital de toda a poboación.

g) A planificación, coordinación e xestión de accións de fomento do uso dos servizos dixitais entre a cidadanía mediante axudas económicas e oportunidades de financiamento.

h) A planificación, xestión e coordinación da Rede de centros para a modernización e innovación tecnolóxica (Rede CeMIT) e da súa programación.

i) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.6.2. Departamento de Innovación Dixital e Intelixencia Artificial.

Son funcións deste departamento:

a) Planificar, promover, coordinar e xestionar proxectos e actuacións destinados ao fomento da sociedade dixital.

b) O fomento da implantación das tecnoloxías da información nos diferentes sectores produtivos. O apoio aos proxectos para a innovación e emprendemento en materia das novas tecnoloxías.

c) A elaboración e xestión de iniciativas de apoio á creación e ao desenvolvemento de empresas das tecnoloxías da información, das comunicacións e contidos dixitais que promovan o seu desenvolvemento en Galicia, en colaboración cos departamentos e institucións con competencias nesta materia.

d) Impulsar a adopción de tecnoloxías innovadoras que favorezan o crecemento do ecosistema dixital galego e favorezan o desenvolvemento económico.

e) Promover accións que favorezan o uso intelixente dos datos e a adopción da intelixencia artificial como instrumento clave de modernización do noso territorio.

f) Xestionar a totalidade dos fondos e transferencias doutras administracións e organismos que a Xunta de Galicia destine á promoción das actividades previstas nas liñas anteriores, sen prexuízo das funcións atribuídas a outros departamentos.

g) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.6.3. Departamento de Conectividade e Inclusión Dixital.

Son funcións deste departamento:

a) O deseño de programas e impulso de políticas para o desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicacións en Galicia e a inclusión dixital da sociedade.

b) O establecemento dos requirimentos técnicos en todo programa ou proxecto tendente á universalización dos servizos de banda larga na poboación galega.

c) A elaboración e proposta de normativa para o despregamento de redes de telecomunicacións en Galicia.

d) A coordinación cos diferentes organismos e institucións públicos ou privados no ámbito das infraestruturas de telecomunicacións.

e) E, en xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en razón da súa competencia pola Dirección da Área ou pola Dirección da Amtega.

2.7. Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación, á cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) O deseño dos obxectivos estratéxicos e operativos da Axencia.

b) O deseño, implementación e adaptación dos modelos de prestación de servizos da Axencia.

c) A avaliación dos custos, resultados e impacto das inciativas de dixitalización.

d) O seguimento permanente que permita a mellora continua da eficiencia.

e) O establecemento dos modelos de cooperación tanto no marco do sector público como do sector privado en prol de reforzar o ecosistema dixital galego.

f) Promover alianzas tecnolóxicas acordes coas funcións da Axencia que favorezan o desenvolvemento dixital da Comunidade.

g) A prospección e vixilancia continua das tendencias tecnolóxicas que permitan identificar e desenvolver iniciativas innovadoras en Galicia.

CAPÍTULO V

Réxime patrimonial, económico e financeiro

Artigo 24. Recursos

Os recursos económicos da Amtega estarán formados por:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os ingresos propios que perciba como contraprestación polas actividades que poida desenvolver en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais para outras entidades públicas ou privadas ou persoas físicas, incluíndo aqueles recibidos como consecuencia do patrocinio de actividades ou instalacións.

c) Os ingresos devindicados pola explotación ou uso das súas solucións, aplicacións ou desenvolvementos tecnolóxicos. Mediante acordos, convenios ou contratos, deberán establecerse os réximes de cesións ou venda, se é o caso, das ditas solucións, aplicacións ou desenvolvementos tecnolóxicos, así como o sistema de contraprestacións e marco de prezos públicos ou privados, dentro do límite da misión da Amtega e do carácter de servizo público en xeral.

d) O produto do alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de conformidade co establecido na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) O rendemento procedente dos seus bens e valores.

f) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas, legados e calquera outra transmisión a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estea autorizada a percibir.

h) Calquera outro recurso que se lle poida atribuír.

Artigo 25. Réxime orzamentario

Sen prexuízo do disposto no artigo 83 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia:

a) Correspóndelle ao Consello Reitor aprobar o anteproxecto de orzamento. Este debe ser remitido para o seu exame á Secretaría Xeral da Presidencia da Xunta de Galicia, que o presentará xunto co propio á consellería competente en materia de facenda para a elaboración dos orzamentos da Comunidade Autónoma.

b) O orzamento da Amtega elaborarase de acordo coa regulamentación que estableza a consellería competente en materia de facenda.

c) Os orzamentos da Amtega teñen carácter limitativo polo seu importe global e estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, excepto os correspondentes a gastos de persoal e capital, os cales teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

Artigo 26. Endebedamento

A Amtega pode recorrer ao endebedamento a curto prazo, ata o límite sinalado pola lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do exercicio correspondente.

Artigo 27. Contabilidade e réxime económico e financeiro aplicable

1. En todo o non previsto neste estatuto, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na normativa de desenvolvemento, a Amtega está suxeita ao réxime económico e financeiro da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O réxime de contabilidade será o establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A Amtega deberá aplicar os principios contables que lle correspondan, para o cal contará cun sistema de información económico-financeiro e orzamentario que teña por obxecto mostrar, a través de estados e informes, a imaxe do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución do orzamento, e proporcione información dos custos sobre a súa actividade que sexa suficiente para unha correcta e eficiente adopción de decisións. Así mesmo, a Amtega contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita seguir o cumprimento dos compromisos asumidos no contrato plurianual de xestión.

O control e seguimento da execución e do cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión estará a cargo da consellería competente en materia de facenda e Administración pública.

Artigo 28. Contratación

1. A contratación da Amtega rexerase polas normas xerais de contratación do sector público.

2. Actuará como órgano de contratación o/a director/a da Amtega, que precisará a autorización do Consello da Xunta de Galicia cando, por razón da contía, lle corresponda a este autorizar o gasto.

3. É de plena aplicación ás prácticas de contratación da Amtega o disposto pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 29. Patrimonio

1. A Amtega ten, para o cumprimento dos seus fins, patrimonio propio, distinto do da Administración xeral da Comunidade Autónoma, integrado polo conxunto de bens e dereitos de que sexa titular.

2. A xestión e a administración dos bens e dereitos propios, así como dos do patrimonio da Xunta de Galicia que se lle adscriban para o cumprimento dos seus fins, serán exercidas con suxeición ao establecido para as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia na lexislación de patrimonio de Galicia.

3. Para o mellor cumprimento dos seus fins e cun obxecto acorde cos seus obxectivos, a Amtega, logo de aprobación polo Consello Reitor, poderá formular proposta de creación ou participación de sociedades mercantís públicas autonómicas ou fundacións do sector público autonómico, de conformidade co procedemento establecido nos artigos 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, o Consello Reitor poderá propor a participación en toda clase de entidades que adopten a forma de sociedade mercantil ou de fundación, non incluídas no parágrafo anterior, e cuxo obxecto estea vinculado cos fins e obxectivos da Axencia, nos termos previstos pola lexislación da Comunidade Autónoma en materia de patrimonio e de fundacións.

Artigo 30. Control da xestión económico-financeira

1. O control externo da xestión económico-financeira da Amtega correspóndelle ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da Amtega correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e realizarase de acordo co disposto na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

CAPÍTULO VI

Réxime de persoal

Artigo 31. Persoal da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. A Amtega contará con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia ou, se é o caso, estatutario, de acordo co previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na normativa aplicable en materia de emprego público. En todo caso, quédanlle reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación, directa ou indirecta, no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

2. O persoal funcionario ao servizo da Amtega rexerase polo disposto na normativa reguladora da función pública e nas súas normas de desenvolvemento.

3. O persoal laboral da Xunta de Galicia ao servizo da Amtega rexerase polo Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido do Estatuto dos traballadores, e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O persoal funcionario, estatutario e/ou laboral da Xunta de Galicia ao servizo da Amtega poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de conformidade coa normativa reguladora da función pública de Galicia.

Artigo 32. Selección de persoal, provisión de postos de traballo e mobilidade

1. Os procesos de selección de persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Amtega realizaraos a consellería competente en materia de función pública e seranlles de aplicación as disposicións da lexislación galega sobre emprego público.

2. A provisión de postos de traballo do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia correspóndelle á consellería competente en materia de función pública, de conformidade cos principios xerais e procedementos de provisión establecidos na normativa de función pública.

3. A mobilidade do persoal funcionario, estatutario e laboral da Xunta de Galicia destinado na Amtega someterase ao réxime xeral previsto na normativa de función pública.

Artigo 33. Ordenación de postos de traballo

1. A Amtega disporá da súa relación de postos de traballo, na cal se determinará a natureza, contido, características do desempeño e retribución de cada posto de traballo, de acordo coa normativa de función pública. A dita relación será pública.

2. En todo caso, a aprobación e modificación da relación de postos de traballo con persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 34. Persoal directivo

1. Constitúen postos que serán ocupados por persoal directivo aqueles que, de ser o caso, veñan definidos como tales na relación de postos de traballo da Amtega, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas.

2. O persoal directivo da Amtega é nomeado e cesado polo Consello Reitor, por proposta da persoa titular da Dirección, en atención a criterios de competencia profesional e experiencia, mediante un procedemento que garanta o respecto aos principios de mérito, capacidade, concorrencia e publicidade.

3. Cando o persoal directivo da Amtega teña a condición de funcionario/a, permanecerá na situación administrativa que lle corresponda segundo a normativa de función pública.

4. Cando o persoal directivo da Amtega reúna a condición de persoal laboral, estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección. Neste caso, a fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de función pública.

5. O persoal directivo está suxeito, no desenvolvemento das súas funcións, á avaliación periódica de acordo cos criterios de eficacia, eficiencia e cumprimento da legalidade, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lle fosen fixados.

6. O persoal directivo poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de acordo cos criterios e porcentaxes que estableza o Consello Reitor e de conformidade coa normativa reguladora da función pública de Galicia.

Artigo 35. Incompatibilidades

O persoal da Amtega estará suxeito á normativa e ao réxime de incompatibilidades establecidos con carácter xeral para o persoal ao servizo das administracións públicas.

CAPÍTULO VII

Transparencia e calidade na xestión

Artigo 36. Publicidade de información de interese público

1. Sen prexuízo das demais obrigas de información á cidadanía establecidas na lexislación vixente e daquelas que os órganos de dirección consideren oportunas, a Amtega deberá publicar na súa sede electrónica información actualizada sobre os seguintes aspectos:

a) O contrato de xestión da Amtega, plan de acción anual, informe xeral de actividade e contas anuais, xunto co informe da auditoría de contas.

b) As redes de coñecemento e intercambio de información que impulse a Amtega e, de ser o caso, outras que existan no territorio de Galicia.

c) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas que desenvolva a Amtega e, de ser o caso, condicións e formas de acceso a eles.

d) Outros recursos públicos ou privados destinados a similares fins e dispoñibles no ámbito de Galicia, dos cales a Amtega teña coñecemento.

e) Os procedementos e medios de acceso dos interesados aos servizos da Amtega e os dereitos que para ese efecto lles correspondan.

f) A Carta de servizos da Amtega, de conformidade co disposto no artigo seguinte.

2. A publicación dos documentos a que se refire a letra a) do número anterior deberá realizarse no prazo dun mes desde a súa aprobación polo órgano que en cada caso corresponda.

Artigo 37. Carta de servizos da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

1. A Amtega, a través do equipo de traballo designado polo Consello Reitor, deberá elaborar unha carta de servizos en que dea a coñecer á cidadanía os servizos que ofrece, xunto cos niveis de calidade que se compromete a garantir.

2. A Carta de servizos da Amtega elaborarase segundo o procedemento previsto no Decreto 97/2020, do 25 de xuño, polo que se regulan determinados instrumentos para a xestión, a avaliación, a supervisión e a mellora da calidade no sector público autonómico de Galicia.

3. A Carta de servizos da Amtega responderá aos criterios de elaboración, difusión, contido, imaxe corporativa, avaliación e seguimento previstos no Decreto 97/2020, do 25 de xuño, polo que se regulan determinados instrumentos para a xestión, a avaliación, a supervisión e a mellora da calidade no sector público autonómico de Galicia.