A memoria dixital de Galicia

Formulario de búsqueda

A memoria dixital de Galicia

Formulario de búsqueda

A memoria dixital de Galicia

A Xunta inicia a construción da Memoria Dixital de Galicia, unha iniciativa para crear un novo modelo de xestión e conservación do patrimonio cultural galego baseado nas TIC, que garanta a súa preservación, difusión e a accesibilidade desde calquera lugar do mundo.  O obxectivo é consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia, custodiado e albergado no CPDI do Gaiás.

A Memoria Dixital de Galicia é unha estratexia impulsada desde o ámbito público, a través da Consellería de Cultura, Educación Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego, baixo a denominación das institucións da memoria, entre os que están o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou as Universidades públicas galegas.

Aposta polo establecemento de sinerxías e modelos colaborativos entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural para acadar o maior nivel de catalogación, preservación e difusión, independentemente da súa ubicación ou propiedade.

Para contribuír á sustentabilidade dos fondos dixitalizados, en termos económicos e tamén sociais, impulsará un modelo de participación que facilite a cidadáns, empresas e institucións achegar recursos para contribuír á universalización do patrimonio cultural de Galicia.

Liñas de actuación

A estratexia identifica unhas liñas de actuacións, que constitúen o punto de partida para o desenvolvemento de actuacións concretas. En primeiro lugar, sinala a necesidade de definir un marco técnico común para todos os axentes e institucións involucrados na conservación do patrimonio, coa normativa, directrices, criterios e estándares para a dixitalización e preservación dos elementos patrimoniais.

En segundo lugar, está a aplicación das TIC para a catalogación, inventariado e xestión patrimonial, o que implica a dotación de infraestruturas e ferramentas tecnolóxicas así como a capacitación no seu uso.

A terceira liña céntrase no aproveitamento das TIC para facilitar a visibilización e a promoción do patrimonio cultural, grazas á aplicación das novas tendencias, ferramentas e dispositivos tecnolóxicos para desenvolver técnicas novas e interactivas para o acceso, a conservación, restauración e posta en valor do patrimonio cultural.

En cuarto lugar, aplicarase a tecnoloxía para mellorar a accesibilidade ao patrimonio desde o punto de vista presencial e virtual. No primeiro caso, para mellorar os servizos prestados directamente en arquivos, bibliotecas, museos e calquera outra instalación que custodie os recursos patrimoniais. No segundo, incrementando e mellorando as solucións dixitais de acceso ao patrimonio, adaptándoas ao perfil e ás necesidades do usuario, desde o público en xeral a profesionais, docentes, investigadores...

A quinta liña, a das TIC como elemento dinamizador da produción cultural impulsa a creación de contidos dixitais culturais e a súa correspondente promoción, e por tanto, o desenvolvemento de oportunidades de desenvolvemento económico na sociedade galega.

Innovación tecnolóxica

O proxecto da Memoria Dixital de Galicia implica aplicar a innovación tecnolóxica actual e futura a todo o ciclo de vida da preservación do patrimonio e da xestión da actividade cultural. Así, o uso de sistemas de información xeográfica para xeorreferenciar os elementos do patrimonio cultural material e inmaterial é unha das ferramentas fundamentais previstas.

O emprego de técnicas de dixitalización en 2D e 3D serán esenciais para dispoñer de copias dixitais de seguridade e para a elaboración de catálogos dixitais, que favorezan a difusión e faciliten tarefas de restauración e investigación.

A aplicación de solucións en mobilidade e a realidade aumentada, que combina elementos virtuais en contornas reais para achegar información ao usuario en tempo real, son outras das innovacións tecnolóxicas que contempla a estratexia.

Tamén o emprego do Big Data e Linked Open Data, que permitirá o tratamento masivo de datos que xerará a Memoria Dixital para mellorar sistemas e servizos para os usuarios e  a súa reutilización por parte de terceiros.

Iniciativas en marcha

A Memoria Dixital de Galicia aséntase en catro iniciativas, xa en marcha, vinculadas a dixitalización e difusión do patrimonio cultural galego.

A entrada en funcionamento do Arquivo Electrónico Patrimonial, que ten como obxectivo a xestión do patrimonio documental galego e, que desde outubro, estará accesible a través dun portal web.

A iniciativa GALICIANA, a biblioteca dixital de Galicia  que conta xa con máis de 1,7 millóns de páxinas e 175.000 obxectos dixitalizados procedentes de arquivos, museos, bibliotecas e outras coleccións E que será tamén a canle de difusión do noso patrimonio cara as redes transnacionais como pode ser EUROPEANA.

A apertura nos vindeiros meses dunha convocatoria de axudas para a dixitalización de fondos das institucións implicadas por un importe de 800.000 euros.

As actuacións vinculadas a recolección e xeoreferenciación da toponimia galega, como patrimonio inmaterial e como elemento nuclear para xeorreferenciar o patrimonio cultural galego.

Orzamento

A Memoria Dixital de Galicia conta cun orzamento público de 9,1 millóns de euros, dos cales 5 millóns proceden da cuarta liña estratéxica da Axenda Dixital de Galicia 2020, “Aceleración da Economía Dixital”, que  contempla actuación para a avanzar “Da preservación á accesibilidade dixital do patrimonio cultural”. Os  4,1 millóns restantes proveñen dunha candidatura conxunta da Xunta e 15 socios ao Programa Operativo Interreg para avanzar cara unha memoria dixital transfroteiriza Galicia-Norte de Portugal, aliñada coa Memoria Dixital de Galicia.