Énfase na Vida Dixital

Énfase na Vida Dixital

Énfase na Vida Dixital

Nesta liña a Axenda Dixital de Galicia 2020 busca dar resposta aos desafíos encamiñados a aproveitar o potencial das TIC para converter a Galicia nun lugar de progreso social avanzado e onde as persoas poidan levar unha vida autónoma e participar activamente na sociedade.

Neste senso, buscarase a adaptación continua do modelo educativo á nova contorna dixital, para permitir que os nosos rapaces estean mellor preparados para competir na nova economía dixital. En concreto, a Axenda contempla actuacións para continuar avanzando na integración plena das TIC no ámbito educativo co proxecto Abalar, entre as que destacan: a extensión do libro dixital e a potenciación do papel dos docentes na creación de contidos.

Do mesmo xeito, a estratexia contempla actuacións para a implantación de novas solucións TIC no ámbito dos servizos sociais que permitan contribuír a asegurar e ampliar a asistencia social, chegando a máis rapaces, maiores e dependentes.

Avanzarase cara a unha Sanidade dixital integral que favoreza a integración coa contorna sociosanitaria, responda ás necesidades do envellecemento activo e saudable e á mobilidade dos pacientes e profesionais sociosanitarios. Destaca neste aspecto, a previsión de dar continuidade aos proxectos InnovaSaúde e Hospital 2050 para crear o modelo do futuro da sanidade pública galega.

Finalmente, o último desafío desta liña ten por obxectivo acadar a autonomía dixital da cidadanía, para o que se desenvolverán actuacións encamiñadas a evitar a denominada “segunda fenda dixital” relacionada coas “habilidades dixitais” necesarias para obter todos os beneficios de acceso á Rede. Así, redefinirase a estratexia de inclusión dixital para dar cabida non só á alfabetización senón tamén á madurez dixital, posibilitando que calquera persoa acceda a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.