Aceleración da Economía Dixital

Aceleración da Economía Dixital

Aceleración da Economía Dixital

En terceiro lugar a Axenda Dixital de Galicia 2020 promove o liderado de empresas que a través da incorporación das TIC, tanto nos procesos internos como de negocio, garantan a creación e absorción de talento e innovación para xerar novas oportunidades e promover así, a atracción e o crecemento económico na Comunidade.

O primeiro desafío nesta liña diríxese a facer de Galicia un destino turístico intelixente, continuando o traballo iniciado co Plan Smart Turismo 2014-2020 para promover a innovación e colaboración do sector turístico e a creación de novos servizos dixitais que melloren a experiencia do viaxeiro e para potenciar o Camiño de Santiago como produto turístico singular a través da liña SmarCamiño.

Avanzarase cara a universalización do patrimonio cultural de Galicia, para o que se porán en marcha actuacións para contribuír mediante o uso das TIC á súa recolección, preservación e valorización, así como para garantir o seu acceso a través de dispositivos tecnolóxicos e para implicar á sociedade na súa protección e difusión. Para iso, cómpre destacar que un dos activos principais é a creación, xa en marcha, do Arquivo Histórico Documental, dentro do Arquivo Dixital de Galicia, que albergará os fondos dixitalizados do patrimonio documental.

Impulsarase a transformación dixital do sector primario para aumentar a súa produtividade e competitividade. Así, a Axenda contempla a aplicación das novas tecnoloxías para mellorar os procesos de xestión e produción, garantir o control de produtos e impulsar unha xestión sostible e responsable da súa actividade.

No relativo ao transporte, promoverase a conformación dunha rede de transporte intelixente capaz de ofrecer servizos integrais e personalizados, que se anticipen á demanda da sociedade galega, aproveitando as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e os novos dispositivos móbiles.

Finalmente, esta liña estratéxica fará énfase en avanzar cara a empresa 4.0 mediante a introdución de solucións dixitais innovadoras nos procesos produtivos que contribúan a ofrecer produtos e servizos de maior valor engadido. Esta aposta materializarse a través da Axenda da Competitivade de Galicia, que contempla medidas específicas para impulsar a Industria 4.0 con fábricas intelixentes, automatizadas, flexibles, interconectadas e sociais así como, para impulsar a hibridación sectorial mediante a interconexión dos distintos sectores co sector TIC para abrir novas vías que melloren a súa competitividade.